mércores, 13 de xullo de 2016

Ríos de palabras

Onte morreu Agustín Fernández Paz, o escritor máis premiado e prolífico da literatura infantil e xuvenil galega e un referente na defensa da nosa lingua. 
Na súa ampla obra salientan títulos como Cartas de inverno, Corredores de sombra, Aire negro, Non hai noite tan longa... 
A biblioteca conta cunha ampla representación da súa obra e invitamos a grandes e pequenos a coñecela.

Agustín Fernández Paz [Fot. Santos Díez; da fototeca da AELG]

Fai uns anos, creo recordar que polo 2009, e durante unha das edicións do Festival Cultura Quente a Biblioteca Municipal puxo en marcha unha actividade titulada "Un río de palabras".
Inspirounos para facela un dos relatos que aparecía nun dos seus libros "O único que queda é o amor", Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil 2008. Esta obra abordámola no club de lectura esa temporada e de aí saíu a idea.
Puxémonos en contacto co autor para explicarlle a actividade e de xeito moi amable apoiou a iniciativa e concedeu gustoso a deixar que se usase para a mesma o título do seu relato. 

Pechamos este recordo coas palabras que hoxe no Diario de Pontevedra Kiko Da Silva lle adica ao seu amigo :
"Despídome sabendo que somos o rastro que deixamos e que ti deixaches un moi longo ateigado de verbas e personaxes fermosos"




Ningún comentario:

Publicar un comentario