venres, 27 de marzo de 2015

Pedro Feijoo e o club de lectura


Por fin chegou o día agardado e Pedro Feijoo visitou o club de lectura da biblioteca que tiña os deberes feitos e lera a súa novela Memoria da Choiva. Foi recibido con emoción, parabéns a algunha pequena crítica (hai que oír de todo!)


 Botamos xuntos moitas risas e aprendimos de versos, de Rosalía de Castro, de sangue e ... ímolo deixar aí, que non imos desvelar a historia.

 


 Esta novela de misterio e intriga con moito de historia e trazos de humor e crítica, fai que o lector quede atrapado desde as primeiras follas ata o impactante final.
    






Aproveitamos a xenerosidade de Pedro e fomos descubrindo grazas ao seu traballo de investigación e documentación, detalles curiosos e anécdotas que estaban agochados entre liñas. Tamén nos descubriu algúns dos seus dos seus trucos, "enganos" e chanzas que son parte do seu estilo literario.


E para quen coñeza a novela, diremos que a pesar do seu aspecto afable, Pedro ten un pouco de Adriano.
 

Se todavía non descubriches a este autor... a que esperas? Os fillos do mar e A memoria da choiva espérante na biblioteca.


MOITAS GRAZAS PEDRO POLA TÚA VISITA E ATA OUTRA!










luns, 23 de marzo de 2015

Aventuras na cociña

Trinketrinke presenta o seu espectáculo de contacontos teatral "Aventuras na cociña"
  • A partir dos 3 anos
  • Martes, 31 de marzo
  • Na biblioteca, ás 18.00 horas
  • Inscrición previa na biblioteca ou no 986530604 





Regalando poesías


A segunda parte do obradoiro creativo e de manualidades “Regalando poesías” que se desenvolveu o sábado 21,  foi todo un éxito. Entre pegamentos, cartolinas e rimas, deseñaron  tarxetas poéticas con formas diversas. 
 
Tras as decoracións das tarxetas, as súas creadoras foron a repartilas á Praza de Abastos e polas rúas de Caldas para compartir coa xente a súa arte ao tempo que lle lembraban que o 21 de marzo era o día da Poesía.

Un pouco de poesía sempre está ben!

luns, 16 de marzo de 2015

Conversas en inglés

O sábado celebrouse na biblioteca a primeira reunión do grupo de conversas en inglés. Esta actividade tivo moito éxito de aceptación entre os usuarios, de feito hai unha longa lista de espera. A través dela a biblioteca reforza o seu vínculo coa comunidade e ao tempo, potencia e revaloriza a súa función formativa.
As reunións son os sábados de 11.30 a 12.30h na biblioteca municipal.

Regalando poesías

Este sábado día 14 tivo lugar a primeira parte do obradoiro "Regalando poesías", organizado pola biblioteca municipal. Aproveitando a creatividade dos rapaces caldenses realizamos tarxetas poéticas decoradas por eles mesmos para regalar o vindeiro sábado 21 de marzo, día da poesía. E xa que estaban creativos e poéticos deseñaron unha tarxeta de felicitación para o día do pai.
O próximo sábado 21 realizarán algunha máis e irán a entregalas aos caldenses para que poñan un pouca de poesía na súas vidas que nunca vén mal.

xoves, 12 de marzo de 2015

A voz das mulleres, a voz de todos

 

O luns 9 de marzo en Radio Caldas e para celebrar o Día Internacional da Muller a Biblioteca Pública Municipal preparou un especial de radio. Integrantes de  diversas asociacións caldenses leron textos de autoras como Virginia Woolf, Lucía Etxebarría ou Carme Alborch que nos fixeron reflexionar sobre o papel da muller na sociedade.



 Damos as grazas a María, Manuela, Charo, Amor, Fini, Isabel e Nino así como as todas aquelas persoas que fixeron posible esta actividade.



martes, 10 de marzo de 2015

Nós lemos, e ti?

CONCURSO DÍA DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL 2015

Con ocasión do Día Internacional do Libro Infantil, a Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI), xunto coa Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX) convoca o concurso "Nós lemos, e ti?"


A Biblioteca Pública Municipal de Caldas de Reis súmase a esta iniciativa e convoca aos seus usuarios a participar:

  • Dirixido  a lectores que estean cursando Primaria ou primeiro ciclo de Secundaria.
  • Escoller un libro en galego e facerse unha selfie. Imprescindible que se vexan os libros.
  • A selfie acompañarase dun breve texto explicando o motivo polo que o/a participante escolleu ese libro así como os datos para a súa identificación.
  • A biblioteca seleccionará un máximo de tres traballos por curso que serán remitidos á Gálix.
  • Para participar é preciso entregar a selfie na Biblioteca e cumprimentar unha ficha de inscrición, así como firmar unha autorización paterna para a reprodución e difusión das fotografías.
  • O prazo para entregar as selfies na biblioteca remata o venres 27 de marzo.

luns, 9 de marzo de 2015

Regalando Poesías


Animádevos e veredes que ben o imos pasar!



- Obradoiro creativo e de manualidades
- Para rapaces a partir de 7 anos
- Sábados 14 e 21 de marzo
- De 11.00 a 13.00 horas
- Inscrición na biblioteca ou no 986530604




xoves, 5 de marzo de 2015

As mulleres na biblioteca


 O 8 de marzo celébrase o Día Internacional da Muller e a biblioteca presenta unha pequena parte dos seus fondos sobre o tema nesta pequena mostra bibliográfica.






Narrativa, poesía, ensaio, biografía e cómic están presentes na mesa de exposición.







Coñeceremos ás primeiras exploradoras de África , as vidas de mulleres de bandeira como Clara Campoamor ou Hipatia de Alexandría. Descubriremos o feminismo en Galicia ou os motivos polos que as mulleres continúan sendo invisibles en moitos casos para a medicina.
Seguro que descubres algo que che interesa!

                                                    Guía bibliográfica da mostra

mércores, 4 de marzo de 2015

Non deixes de visitalo!


Máis información

Actividades Día da Muller

luns, 2 de marzo de 2015

Los platos más picantes de la cocina tártara

Que ninguén se equivoque, o libro que o club de lectura tratou este mes non se trataba dun receitario de cociña senón dunha novela amena onde as mulleres son as protagonistas.

   

O personaxe central é Rosalinda, muller de raíces tartaras que será  quen narre en primeira persoa a súa vida, así como a da súa filla Sulfia e neta, Aminat. Muller de armas tomar, manipuladora, narcisista, unha supervivinte nata que trata de conseguir os seus obxectivos sen importar os camiños que haxa que seguir.
Compartimos con ela os seus pensamentos e somos testemuñas de situacións delirantes, plagadas dun humor negro que non deixou indiferente a ninguén.




  A acción transcorre nalgún lugar de Rusia. Coñecemos como era a vida na derradeira etapa da Unión Soviética onde a corrupción e a escaseza eran habituais. A historia remata en Alemaña onde a familia se traslada para mellorar as condicións de vida. Entre os integrantes do grupo houbo coincidencia en que se trataba dunha lectura fácil, que atrapaba na súa primeira metade pero a medida que pasaban as follas perdía forza. 



Tamén houbo unanimidade sobre o xuízo negativo que nos mereceu Rosalinda, unha muller sorprendente  pero que ninguén quixera tela cerca.
A súa autora, Alina Bronsky naceu en Rusia en 1978 e na actualidade vive en Alemaña polo que non podemos deixar de pensar que é coñecedora de primeira man de moitas das situacións que se reflicten na obra.

"Imposible que coincidiran tantos aspectos negativos nunha sola persona!!"

 

  "Ata certo punto, era a única da familia que facía algo"