luns, 25 de febreiro de 2019

O segredo do tendal



O pasado venres 22 de febreiro pola tarde un grupo de 25 rapaces  entre os catro e os doce anos acompañados dos seus pais disfrutaron da contada “ O segredo do tendal” que tivo lugar na biblioteca municipal a cargo da contadora Raquel Queizás.


Arredor dun tendal  desgranáronse  un feixe de contos de xigantes e bruxas, con títeres e pantomima onde todos, grandes e pequenos colaboramos nas historias.
Desde a biblioteca animamos ás familias a acudir a este tipo de actividades xa que potencian a imaxinación dos nenos,  traballan a escoita, amplian o seu mundo e por suposto, e o máis importante, disfrutan moito con elas.


sábado, 9 de febreiro de 2019

Pan e auga? Sopas!



Onte venres 8 de febreiro foi un día especial na biblioteca, cheo de contos e risas.


Da man de Xandobela que nos trouxo o seu proxecto de animación á lectura “Pan e auga? Sopas!” coñecimos uns contos que nos fixeron rir e emocionar aos pequenos e maiores.
Uns trinta rapaces se achegaron á biblioteca para gozar cos contos, moitos deles, contos de sempre e despois de escoitar, puxéronse a cociñar. 



Cociñaron nada máis e nada menos cun rato maravilloso! Seica estaba delicioso. E debía estalo pois todos sairon da biblio dicindo que o ían volver cociñar na súa casa. 






Foi unha tarde fantástica, entre contos e comida.
Que máis se pode pedir?

martes, 5 de febreiro de 2019

Club de lectura


O pasado xoves, o día 31 de xaneiro, algunhas persoas fomos valentes e desafiamos o mal tempo e puxemos a nosa mellor cara para asistir á reunión do club de lectura da biblioteca.
O libro que tiñamos para comentar era Benquerida catástrofe de Teresa Moure, unha autora moi coñecida na biblioteca de Caldas de Reis xa que algúnhas dos súas obras son lectura recomendada e polo tanto, moi prestadas. A pesar do éxito de Herba Moura ou Unha primavera para Aldara, o libro escollido non alcanzou as expectitavas da maioría de nós.

Recoñecendo por un lado, a orixinalidade da estrutura e do punto de vista do narrador,  así como o de estar ben escrito, non foron estas cualidades suficientes para acabar a novela cunha boa sensación.
Moita xente non a acabou e outra fíxoo case por obrigación.
E como sempre hai unha excepción, hai unha persoa do club que lle gustou moito. Sin embrago, á maioría non nos deixou bo sabor de boca.

Temos as esperanzas postas agora no libro  El cuento de la criada de Margaret Atwood.
Vai resultar curioso ler unha obra na que se basea unha serie de tanto éxito.
Xa vos contaremos como nos foi.