sábado, 18 de febreiro de 2017

Contos para os máis pequenos

Hoxe foi un día especial. Un grupo de nenos entre un e tres anos acompañados dos seus pais e nais viñeron ata a biblioteca a unha sesión de contos. Pensamos que o pasaron ben...pequenos e grandes!





 
Cris quitou dunha caixa un montón de cousas que deron pé a cantar cancións, facer rimas e contar contos.








Xogamos coa mans!


Cantamos os cinco lobiños!


Nomeamos os dedos...


Foi un pracer contar con vós! 
Esperámosvos o vindeiro sábado 4 de marzo ás 12.00h para coñecer un feixe de libros que farán as delicias de todos. A biblioteca tamén para os máis pequenos!

venres, 27 de xaneiro de 2017

Club de lectura de xaneiro

O día no que chegou a ansiada choiva tivo lugar a reunion do club de lectura. Era a primeira deste ano e a conversa xirou en torno a La Diosa del pubis azul.
Trátase dunha novela de corte policiaco con dobre autoría. Raúl del Pozo e Espido Freire asinan esta obra. A acción xira en torno á investigación do asesinato dunha moza en estrañas circustancias.
Dous policías, un varón de mediana idade, un pouco resentido coa vida e unha muller nova, fría e cerebral son os protagonistas.


A novela está estruturada por capítulos e cada un deles adicado a un dos protagonistas. Aqueles capítulos nos que a voz protagonista é masculina están escritos por Raúl del Pozo e nos que a voz é feminina, a autora é Espido.
En xeral, aos membros do club de lectura pareceunos que a obra, en maior ou menor medida, era entretida sen máis. A pesar da aparencia policial da obra o de menos é o desenvolvemento do caso, que de feito se resolve dun xeito atropelado e rápido cara ao final.
O da dobre autoría chamounos a atención. Uns aseguraban que se notaba o estilo tan dispar de cada un deles e para outros membros este aspecto non estaba tan claro.
Anabel apuntou un detalle moi interesante: e se o escritor masculino escribese sobre o personaxe feminino e viceversa?





A seguinte obra sobre a que falaremos no club é O cabo do Mundo de Xabier Quiroga o vindeiro 23 de febreiro.

luns, 2 de xaneiro de 2017

O Apalpador visita a biblioteca

O venres 30 de decembro o Apalpador visitou a biblioteca.


Membros da Asociación Zona Afectada, organizadora da actividade, contáronlles aos nenos a historia do Apalpador que rematou a súa visita agasallando aos nenos con doces.


Ata o vindeiro ano!!