mércores, 29 de abril de 2015

Os pequenos do Colexio A Encarnación visitan a Biblioteca

Estas dúas semanas e con motivo do Día do Libro achegáronse ata a Biblioteca os nenos de Infantil do Colexio A Encarnación.


 Os primeiros que nos visitaron foron os maiores acompañados da súa profesora Belén. Tíñamos preparada unha pequena SORPRESA. Facía uns días que chegara unha misteriosa MALETA.  En compañía dos nenos descubrimos que se trataba dun envío de GatoPedro, o bibliotecario de Cidade Gata.



  

O segundo grupo de nenos e a súa profesora Manoli,  tras atender ás explicacións sobre o funcionamento e organización da sección infantil, normativa de préstamo, etc,  gozaron dunha animada sesión de CONTOS onde GATOS e PEIXES eran amigos, as OVELLIÑAS daban la para facer todo tipo de prendas e movemos o CORPO da cabeza ata os pés.
 

Non olvidamos ós máis pequenos que con Goretti  prestaron moita atención a esta actividade.



FOI UN PRACER CONTAR COA VOSA VISITA. 
 ESPERAMOS QUE O PASÁRADES BEN E VOLVADES PRONTO Á BIBLIOTECA MUNICIPAL.

venres, 24 de abril de 2015

A biblioteca nas ondas: especial Día do Libro


Onte 23 de abril, Día do Libro, a Biblioteca Pública Municipal  converteuse nun estudio de radio.


Este ano, e xa é a quinta vez que se leva a cabo, o programa de radio "A Biblioteca nas ondas: especial Día do Libro" presentou unha peculiaridade xa que os protagonistas foron os máis pequenos.

Atendendo a todo o que pasaba ó seu redor

Un total de 23 nenos e nenas de 3º de Primaria dos colexios Alfonso VII, A Encarnación e San Fermín participaron nesta actividade en compañía das súas profesoras.
 






Julia, Mario e Aitana, do colexio Alfonso VII, nun momento da súa intervención. Leron un capítulo de Aventuras de Picofino.










Do colexio A Encarnación, Antía leu un parágrafo de A tenda de antigüidades de Daniel Ameixeiro.







 




Yohanne e Alexia, do colexio San Fermín, trouxéronnos Alicia en el País de las Maravillas.







Os seus compañeiros leron lendas e fábulas, poemas, algúns de creación propia, resumo das súas obras preferidas, etc.

GRAZAS RAPACES ESTIVESTES FANTÁSTICOS!!




As profesoras Rocío, Loli, Josefa e Rosario fixeron as súas aportacións sobre o seu traballo na aula en relación coa animación á lectura.

Grazas a todas polo súa colaboración!


 
Por suposto Manu e Estela de Radio Caldas colaborando con nós neste día tan especial.
Grazas polo voso entusiasmo!

O álbum completo coas fotos da actividade estará proximamente na páxina web do concello.

martes, 21 de abril de 2015

23 de abril, Día do Libro

ASISTE COMO PÚBLICO OU ESCOITA O PROGRAMA NO 107.4

O vindeiro xoves 23 de abril e para celebrar o día do libro emitirase desde a biblioteca un programa de radio "A biblioteca nas ondas: especial día do libro".

Este ano o protagonismo será para o alumnado e profesorado de 3ª de Primaria dos centros educativos do pobo.

Recomendacións de obras, recitado de poemas, lectura de lendas... todo pode ter cabida nun programa onde falaremos de libros e lecturas como unha mostra máis da vinculación entre a biblioteca e a comunidade escolar.

O programa emítese por Radio Caldas no 107.4 a partir das 17.00h.

venres, 17 de abril de 2015

O traxe novo do emperador

Grazas a Tarabelos uns cincuenta rapaces e bastantes pais e nais descubriron, onte pola tarde na biblioteca, o cheiro dos contos. "O cheiro que aínda quedan dos contos antigos, dos contos de sempre"
Pero cun aire renovado e moito colorido e dinamismo conseguiu que o público, aínda quen xa coñecera o final do conto, se mostrara á expectativa e moi atento.
 

As risas soaron durante a hora que durou o espectáculo que foi moi interactivo facendo partícipes a todos os asistentes do que lle aconteceu a un emperador moi fachendoso cun traxe novo.

A actividade foi cofinanciado co programa  "Ler Conta Moito"

Visita de 3º de primaria do Alfonso VII


O alumnado de terceiro de primaria da Alfonso VII saiu de excursión para coñecer de modo máis preto, institucións importantes do seu pobo e tamén visitaron, como non! a biblioteca municipal. Entre o xoves e o venres os rapaces, repartidos en grupos pequenos, viñeron a vernos e nós levámolos de roteiro, case de investigación, por todas as seccións da biblioteca, incluso aquelas adicadas aos maiores, explicando así a organización da biblioteca.
No percorrido descubriron a existencia de estanterías máxicas, libros de cociña para ser os novos concursantes dalgún concurso de cociña moi coñecido..., a sala audiovisual, os ordenadores...

Investigando na sección de filosofía!




Tras a excursión, tocou sentarse na alfombra da sección infantil e xuvenil onde se detallaron outros aspectos que lles tocaban máis preto. Tamén houbo momentos para marabillarse con poemas divertidos, historias de moita risa e fachenda. E como xa chovía, non importou rematar cantando ben alto e entre todos, rapaces, profe e bibliotecarias unha canción moi simpática usando as palmas como magnífica percusión.


Pois si, tamén hai audivisuais para vós!

Sairon cun sabor doce da biblioteca! E non é metáfora, xa que como parte dunha actividade levaron de agasallo unha medalla de "ouro comestible"
Foi un pracer, rapaces!
Deica logo!

martes, 14 de abril de 2015

Novidades nos andeis

   A Biblioteca Pública Municipal xa conta cos títulos da tan aplaudida e solicitada triloxía do Baztán.

   A inspectora de  homicidios, Amaia Salazar dirixirá unha investigación que a levará devolta ao seu pobo natal, Elizondo, onde unhas preadolescentes están sendo asesinadas. A néboa, a choiva, as lendas transmitidas de xeración en xeración impregnan estas novelas de intriga e misterio facéndonos gozar de cada páxina e mantendo o suspense ata o último minuto.



xoves, 9 de abril de 2015

O traxe novo do rei

 
                                                                                                                           

mércores, 1 de abril de 2015

2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil 2015

Desde o ano 1967, cada 2 de abril e coincidindo coa data do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, a Organización Internacional para o Libro Xuvenil (IBBY) promove a celebración deste día.
Este ano o cartel é obra da ilustradora Nasim Abaeian.

Anímate a coñecer e visitar a sección infantil da biblioteca!

                                                                                          


HORARIO DA BIBLIOTECA EN SEMANA SANTA

Os días 2, 3 e 4 de abril a Biblioteca Municipal permanecerá pechada.


Aventuras na cociña

Onte pola tarde tivemos unha visita moi especial, a de Lilí Gruyére!


Esta ratiña, amiga da biblioteca, entre laranxas, leitugas e tomates contou unha chea de contos ao mesmo tempo que preparaba uns apetitosos pratos.

"Aventuras na cociña" da agrupación TrinkeTrinke Teatro fixo gozar a uns cincuenta nenos e nenas así como aos seus pais.


Promover hábitos saudables na alimentación  e fomentar o uso da biblioteca e a lectura, son os obxectivos do contacontos  protagonizado polos Ratos da Biblioteca.

Ata outra Lilí!