martes, 30 de xullo de 2019

O paroleiro na biblioteca

Onte, luns 29 de xullo, tivemos a visita de  "O Paroleiro" na biblioteca municipal.


Un grupo de rapaces escoitaron contos, rimas e cancións da man de Pablo Sánchez "Pablísimo". Coma sempre foi un pracer telo de novo en Caldas de Reis.



venres, 26 de xullo de 2019

O espantamedos na biblioteca de Caldas

O luns 22 de xullo estivo na Biblitoeca municipal Inacio Vilariño de Fantoches Baj.
Veu cargado de contos de medo e cancións arrepiantes que fixeron que a grandes e pequenos se lles puxeran os pelos de punta, eso si, con moitas risas que fixeron que a mañán fora inesquecible.


A actividade está cofinanciada entre a Xunta de Galicia e o Concello de Caldas de Reis a través do programa Ler conta moito.


sábado, 20 de xullo de 2019

Tapas con letras

Hoxe na biblioteca municipal un evento gastro-literario organizado pola escritora e veciña Anya Rit e a Asociación de hostelería de Caldas de Reis coa colaboración do Concello.


Un agradable encontro entre creadores, editores, críticos e lectores acompañado dunha variedade de deliciosas tapas que fixo deste sábado un día inesquecible.

martes, 16 de xullo de 2019

O neno que quería ser mago

Onte visitounos o mago Javier Muro co seu espectáculo "O neno que quería ser mago".


A actividade deixou abraiados a un grupo de cincuenta nenos e nenas que disfrutaron dunha hora chea de maxia e fantasía na biblioteca municipal.


Foi unha sesión moi participativa e algúns voluntarios actuaron como axudantes de Javier en diferentes momentos da mesma.


Pasárono en grande! 

luns, 15 de xullo de 2019

Un otoño en la pajarera

O pasado venres tivo lugar a presentación do primeiro libro Un otoño en la pajarera da escritora e veciña Mónica Graña. 
Versos, sentimento e moito amor pola poesía foi o que nos trasladou Mónica con moitísima ilusión.


Estivo acompañada por Loli, profesora na Escola de Música de Caldas de Reis, que nos regalou uns cantos temas ao clarinete.  
Para quen queira disfrutar co libro de Mónica informamos que está dispoñible na Biblioteca Municipal de Caldas de Reis.

venres, 5 de xullo de 2019

Última reunión do club de lectura

Como vén sendo habitual, o club de lectura descansa da lectura compartida durante o verán. Volveremos en outubro cargadas de lecturas cheas de sol e de praia e para facer máis doce a despedida, nesta ocasión fixemos a reunión fóra das instalacións da biblioteca. 
Ante un anaco de tortilla, falamos sobre as sensacións e impresións que nos provocou a lectura de El encaje roto. Antología de cuentos de violencia contra las mujeres. Os relatos escritos por Emilia Pardo Bazán foron unha sopresa para a maioría de nós pola súa triste actualidade e brillante estilo. 
Foi unha verdadeira marabilla. E o prólogo de Cristina Patiño Eirín, foi moi instructivo. 
E con esta recomendación, o club se despide ata outubro.


Desexámosvos un verán cheo de lecturas!

O grupo de conversas de inglés descansan durante o verán

O grupo de conversas de inglés, vaise de veraneo tras xuntarse durante todo "o curso escolar" cada quince días, na biblioteca. 
Alí é onde practican o seu inglés dun xeito lúdico e ameno. Pásanno tan ben que de cando en vez, óense risas. Non sabemos se rin en galego ou en inglés pero a risa sempre presta. 
Este ano tiveron visitas especiais como a de Nicole Saxby Paige, lectora no colexio San Fermín, con quen compartiron unha reunión moi especial. 


Para lembrar xuntanzas tan alentadoras coma esta e despedirse ata outubro, os membros do grupo de conversas en inglés, organizaron unha última reunión moi especial na que nos consta, o pasaron moi ben. 


Bo verán e ata pronto!

Bye, bye!