mércores, 13 de xullo de 2016

Ríos de palabras

Onte morreu Agustín Fernández Paz, o escritor máis premiado e prolífico da literatura infantil e xuvenil galega e un referente na defensa da nosa lingua. 
Na súa ampla obra salientan títulos como Cartas de inverno, Corredores de sombra, Aire negro, Non hai noite tan longa... 
A biblioteca conta cunha ampla representación da súa obra e invitamos a grandes e pequenos a coñecela.

Agustín Fernández Paz [Fot. Santos Díez; da fototeca da AELG]

Fai uns anos, creo recordar que polo 2009, e durante unha das edicións do Festival Cultura Quente a Biblioteca Municipal puxo en marcha unha actividade titulada "Un río de palabras".
Inspirounos para facela un dos relatos que aparecía nun dos seus libros "O único que queda é o amor", Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil 2008. Esta obra abordámola no club de lectura esa temporada e de aí saíu a idea.
Puxémonos en contacto co autor para explicarlle a actividade e de xeito moi amable apoiou a iniciativa e concedeu gustoso a deixar que se usase para a mesma o título do seu relato. 

Pechamos este recordo coas palabras que hoxe no Diario de Pontevedra Kiko Da Silva lle adica ao seu amigo :
"Despídome sabendo que somos o rastro que deixamos e que ti deixaches un moi longo ateigado de verbas e personaxes fermosos"




mércores, 6 de xullo de 2016

A biblioteca no mercado

Aínda que o testemuño gráfico da saída que tivo lugar o luns catro de xullo non é bo, máis ben todo o contrario, queríamos deixar constancia no blogue dunha actividade, o bibliomercado, que nos gusta moito facer e que tamén gozaron, ademais de outros viandantes, un grupo de nenas acompañadas das súas nais,

O tempo pasou voando en tan boa compaña!!




venres, 1 de xullo de 2016

Bibliomercado

O vindeiro luns a partir das 10.30 da mañán atoparedes un posto da biblioteca municipal no mercado do pobo: o bibliomercado


Fai uns anos desde a Biblioteca Municipal "P. M. Martínez Ferro" quixemos dar a coñecer os nosos servizos, as actividades que se facían, en resumo saír dos nosos muros e achegarnos un pouco máis á veciñanza. Pensamos, sen lugar a dúbidas, que o mercado era o sitio idóneo e aquí seguimos como cada mes de xullo de fai xa uns cantos veráns.
Este ano ademais de levar unha pequena mostra do que podedes atopar na biblioteca haberá algunha que outra sorpresa... 
Esperámosvos!

Sol, praia e lectura

Está aquí o verán. Xa sabes que lecturas te acompañarán nos vindeiros días?. Achégate ata a Biblioteca Municipal e ademais das últimas novidades atoparás na mesa de exposicións, situada na entrada do centro, unha variada selección de títulos cos que poder refrescarte estes meses.



Baixamos dos andeis un pouco de todo, novela negra, histórica, romántica... algún clásico, ensaio, e por suposto sempre podes solicitar información sobre aqueles títulos que sexan do teu interese.


O listado das novidades podes consultalo aquí: