venres, 29 de xuño de 2018

A ira dos mansos

A ira dos mansos de Manuel Esteban foi o Premio Xerais de Novela no ano 2016 e foi a obra escollida para pechar a tempada 2017-2018 do Club de Lectura da biblioteca de Caldas de Reis. 
Como vén sendo habitual, ao finalizar levamos a última reunión fóra do espazo bibliotecario e ante un viño, un refresco ou un auga (cada quen ao seu gusto) comentamos a última lectura e realizamos un repaso xeral de toda a tempada. E así de guapas posamos!


A ira dos mansos gustou a todos; a súa estructura, vocabulario e estilo facilitaba a lectura ao imprimir un estilo áxil e dinámico. É unha novela policial con moitas características clásicas. Así temos ao policía que dorme pouco e que está cansado, por iso e polo sistema. É un pouco cínico pero ten un gran corazón que palpita moi forte cando se atopa cunha muller guapa, sensible e intelixente que ten moito que ver na trama... e ata aquí podemos escribir! Que non imos seguir desvelando datos...
Só engadir que é unha novela negra repleta de descricións moi visuais que presenta unha novidade moi destacable. Hai dous sucesos que afectan a unha nena e a un adolescente con síndrome de Down e tirando dese fío o punto de vista social, de crítica e reflexión aportan orixinalidade á novela. 
Todos os membros do club de lectura destacaron ese detalle que é moi importante xa que invita á reflexión, á superación de prexuízos e a cuestionarse, unha vez máis, que é a normalidade. Hai unha denuncia da hipocresía social da que todos somos partícipes en maior ou menor medida.

 
Un entretido libro para reflexionar.
 Que máis se pode pedir?!

Pequena homenaxe a Xabier P. Docampo

Hai uns meses o nome de Xabier P. Docampo aparecía na listaxe de novidades da biblioteca.
Hai anos que algunhas das súas obras están entre as máis prestadas.
E hai uns días que soubemos da súa morte.
Sabendo que un gran escritor non desaparece de todo, mentras teña lectores, deixamos unha pequena mostra das súas obras.


As súas obras son sempre unha boa recomendación!

mércores, 20 de xuño de 2018

Os nenos do CEIP Amor Ruibal de Barro

Os pequenos do CEIP Amor Ruibal de Barro seica o pasaron moi ben na súa visita á Biblioteca Municipal de Caldas de Reis. Moitas grazas pola entrada e o vídeo no voso blogue!


Coñece a túa biblioteca

O luns terminamos as visitas de Coñece a túa biblioteca. Viñeron os nenos e nenas do CRA de Caldas de Reis (Escolas unitarias de Saiar, Carracedo, Santo André e Godos) así como das Escolas unitarias de Romai, Curro e Lantaño.


Este ano foron 31 visitas ao longo do curso de centros educativos do noso concello: CPI Alfonso VII, Colexio La Encarnación, CPR San Fermín, IES Aquis Celenis, Gardería Municipal, Escolas unitarias de Caldas de Reis e dúas visitas de grupos de fóra do Concello: os pequenos do CEIP Amor Ruibal de Barro e as escolas unitarias de Lantaño, Romai e Curro.


En total máis de 700 nenos coñeceron os servizos e recursos da Biblioteca Pública Municipal "P. M. Martínez Ferro" ademais de compartir con eles unha actividade de animación á lectura axeitada á súa idade e intereses.

Moitas grazas pola visita!

luns, 18 de xuño de 2018

Paxariños

O venres 15 de xuño visitou a biblioteca Vanessa, da compañía Trinketrinke.















E non veu soa. Trouxo consigo o espectáculo "Paxariños" co que sen encheu a biblioteca con 27 nenos entre os 6 meses e 3 anos acompañados dos seus pais, nais, avós, avoas...
















Foi unha tarde estupenda onde grandes e pequenos gozaron con esta sesión de contos teatralizada onde a imaxinación, os xogos e as cancións estiveron moi presentes.
















Contos como "Turelí, Tureló", "O polo Pepe" ou a historia da galiña que non sabía que facer para que nacera o seu pitiño, "Sal del cascarón, pollito" vertebraron a actividade.




E como non podía ser doutra maneira na biblioteca despois dos mimos e a calor que lle demos dun enorme ovo naceu un paxariño moi especial ao que lle puxemos Pepe.















A banda sonora deste contacontos teatral é obra orixinal do compositor coruñes Tito Barbeito.

 Grazas pola visita!


sábado, 9 de xuño de 2018

Maxia divertida 2.0

Onte pola tarde tivemos outro "Venres de conto" e a Biblioteca  Municipal de Caldas de Reis encheuse de nenos e nenas para ver a actividade "Maxia divertida 2.0". 


O Mago Paco presentounos unha morea de contos e historias a través de xogos e da maxia, que levaron á rapazada e tamén aos maiores a descubrir a “maxia divertida” que esconden os contos. 




Precisaba da axuda dos nenos e nenas que como Ángela pasaron diversas probas con moito éxito.







 Ou este grupo de nenos que tiveron que beber pocións máxicas para darlle cor aos libros...


 
 Sopraron con moooita forza....


E funcionou! o libro xa tiña cores!





 Deixounos abraiados!











Desta volta, este peculiar personaxe, argallou novas maxias engadindo a risa como elemento principal para sorprender o seu público.




Sabela fixo o máis difícil...poñer un ovo!





Contou coa axuda de Mateo e de Pedro...uns paviños moi rechulos!






A expectación era máxima!







 Unha proposta pouco convencional para traballar os contos, pero moi, moi divertida!


venres, 8 de xuño de 2018

Coñece a túa biblioteca

Un grupo de 25 nenos e nenas de Infantil do CEIP Amor Ruibal de Barro estiveron hoxe de visita na biblioteca de Caldas de Reis.


Coñeceron a biblioteca, os servizos e pasárono en grande coas respostas ás distintas preguntas que nos fai a xente, por exemplo, a que sabe a lúa ou como se cociña un lobo!


luns, 4 de xuño de 2018

Historias sorprendentes para nenos e nenas diferentes



Historias sorprendentes para nenas e nenos diferentes foi o título da proposta de contacontos que o dramaturgo (con moitos premios acadados), profesor de teatro e  narrador oral  Ernesto Is trouxo á biblioteca de Caldas o venres día 1 de xuño.


Sabedor deses soños que todos temos, os que nos engaiolan durmindo ou espertos, Ernesto tirou do fío para que os rapaces coñeceran monstruos e dinosaurios-nenos, planetas afastados onde viaxar nun plis-plas,… En definitiva, situacións diferentes ao cotiá para nenas e nenos diferentes, xa que cada un é único e singular e iso é algo que hai que potenciar. 


A mensaxe da orixinalidade estivo presente en toda a sesión na que a rapazada participou dun xeito moi activo, rematando batendo as palmas e bailando porque os contos son festa!


Seguimos gozando con éxito dos venres de conto na biblioteca de Caldas como vén sendo habitual desde o mes de marzo. Ata outra rapaces!

Maxia divertida 2.0


El cielo es azul, la tierra blanca. Una historia de amor

El cielo es azul, la tierra blanca é un haikú que dá título ao último libro lido e comentado polo club de lectura. A súa autora é a xaponesa Hiromi Kawakami.
Esta novela que gañou en 2001 o Premio Tanizaki e que xa conta cunha adaptación cinematográfica é unha historia de amor que quebra moldes.
Xa sabemos que vai dunha historia de amor pois apúntase desde a portada pero a súa evolución mésturase co cotiá e a soidade e todo parece ser visto desde outro prisma.
A relación entre un anciá e unha muller moito máis nova é transmitida a través dunha prosa poética, tenra e de íntima beleza e profundidade.
O tópico da parella de diferente idade vai con outro tamén frecuente. El fora o profesor dela.
A pesar destes clichés, non temos a sensación de estar ante algo xa lido pois todo está escrito desde perspectiva novedosa.



Non hai accións marcadas o que provocou que a algunhas persoas do club de Caldas, lle resultase algo "plano".A maioría sentiu emoción e axudou á reflexión sobre certos sentimentos universais como é a soidade ou o amor.
A cultura xaponesa salpica as páxinas de xeito que sabemos do sake, de gastronomía, de haikús, de setas, de grilos e de cerdeiras en flor. Tal como algúns dos platos que se describen na novela, a súa lectura é un manxar distinto e exquisito.


O seguinte libro que comentaremos será A ira dos mansos de Manuel Esteban.