venres, 19 de febreiro de 2021

Contos por teléfono para grandes e pequenos

 


A actividade Contos por teléfono para grandes e pequenos, que levamos a cabo a mañá do 16 de febreiro, o martes de Entroido, tivo unha boa resposta e a valoración que facemos da mesma é moi positiva. 

Fixemos unha ducia de chamadas e a maioría, excepto tres adultos, eran nenos e nenas que escoitaron os contos acompañados dos seus pais ou das súas nais. Atendendo ás idades fixemos tres tipos de contadas. Para os adultos un conto tradicional e un relato breve. Os rapaces máis grandiños gozaron cunha historia de zombis moi peculiares e un chisco de poesía. Os pequenos cruzaron os mares nun barco pirata e fixéronse amigos dunha nena moi teimuda. 

O material utilizado para a actividade foron libros da biblioteca que adaptamos para esta sesión.

A anécdota da xornada foi a chamada a unha persoa ingresada nun centro hospitalario. Foi un agasallo da súa familia para facerlle máis levadeiro o día e arrincarlle algún que outro sorriso.

Moitas grazas a todos por participar!

martes, 16 de febreiro de 2021

mércores, 10 de febreiro de 2021

Contos por teléfono para grandes e pequenos!

O martes 16 de febreiro, o martes de Entroido, a biblioteca quere levar a cabo a actividade “Contos por teléfono para grandes e pequenos”. Esa mañán entre as 9 e as 14 horas chamaremos por teléfono a quen previamente se anotara na actividade para contarlle un pequeno conto. Aquelas persoas, grandes ou pequenas,  que queiran participar deberán poñerse en contacto coa biblioteca municipal no 986530604 entre as 9 e 14h ou no correo biblioteca@caldasdereis.com para darnos os datos e concretar a hora de chamada. Con esta actividade queremos poñer en valor a importancia de contar e ler historias a grandes e pequenos, e por suposto  manter o contacto cos nosos usuarios nestes días en que as bibliotecas teñen pechado o servizo ó público.

luns, 8 de febreiro de 2021

O Club de lectura na pandemia

Estes tempos non conxugan ben coas reunións do club de lectura e de novo, esta tempada non estamos tendo sesións presenciais aínda que as lecturas facíanse e mantiñamos o contacto a través do grupo de whatssap. Pero nestes momentos e coa biblioteca pechada desde o 27 de xaneiro ata o 17 de febreiro  o reparto, para a lectura e posta en común do libro do mes de febreiro, tívose que suspender ante a imposibilidade de realizar préstamos.

Aínda así queremos mostrar no blogue que este grupo de lectoras e lectores mantívose activo estes meses pero dunha maneira ben diferente ao que estamos acostumados.

 

Cando en marzo do 2020 decretouse o estado de alarma o confinamento colleunos coa obra Sol de inverno de Rosa Aneiros nas nosas casas e o grupo de whatssap que ten o club de lectura foi o medio onde puxemos en común as nosas opinións e pareceres. Unha historia tráxica pero tamén moi doce e poética, como apuntaba Alba. Ao que Estrella contrapoñía un "poético, pero un tanto pesado".


 

 

En outubro comezamos coa tempada 2020-2021 e a obra foi doutra autora galega Inma López Silva con Aqueles días en que eramos malas. Para Olalla tratábase dunha historia de amizade e redención, moi realista e humana. Houbo quen valorou positivamente que situara a historia en lugares coñecidos. Coma sempre as visións foron múltiples e entre todos as aportacións fomos enriquecendo as lecturas particulares.

 

 

A obra da que falamos en novembro foi La asambela de los muertos de Tomás Bárbulo. Entretido, cun final sorprendente pero que non entusiasmou aos nosos lectores do club.


 

 

 

No Nadal o título obxecto dos nosos comentarios no grupo de whatssap foi A Arte de trobar de Santiago Lopo. Como apuntaba Ángeles "Gustou, pero non saciou". En xeral, os comentarios foron positivos: ben escrito e documentado, unha xanela a unha época histórica moi rica e como apuntaba Carmen "é un bo pretexto para profundizar en moitos temas que hoxe parecen normais pero que se tardaron séculos en conquistar e outros que ainda perviven como a intransixencia con aqueles que non pensan coma nós"

 

 

A derradeira obra  que lemos no club de lectura foi Doña Flor y sus dos maridos do escritor brasileiro Jorge Amado da que tratamos no grupo a finais de xaneiro. Houbo unanimidade en que se trataba dunha lectura un tanto pesada, que precisaba dedicarlle tempo xa que as distintas historias que se mesturan na novela despistan un pouco. Libro con sentido do humor e no que apreciamos comportamentos en relación ó amor que foron cambiando, afortunadamente, nos últimos anos, tendo en conta que a literatura hai que estudala no seu contexto.

Non podemos máis que agradecer aos integrantes do club de lectura a súa participación nesta época complicada que nos tocou vivir.