mércores, 31 de outubro de 2018

Presentación do libro "1.306/36"

Fernando Salgado presentou o seu último libro na biblioteca de Caldas de Reis. Leva o título de "1.306/36" e xira en torno a figura do seu avó, home represaliado no 36 por defender a liberdade e os valores da república. 


O autor estivo moi ben acompañado por Héitor Picallo que nos falou da represión no concello de Cuntis e por Pepe Casal que tratou o mesmo tema pero vinculado ao de Caldas de Reis.

Foi unha charla - coloquio na que tamén participaron os asistentes ao acto, moi interesante e instructiva. 
A biblioteca está desexando facerse cun exemplar da obra para goce dos seus usuarios.

Empezamos o club de lectura

O xoves 25 de outubro tivemos a primeira reunión do club de lectura deste curso. Pero antes de falar da obra lida, houbo tempo para valorar as nosas lecturas de verán. Houbo recomendacións moi interesantes!


Como interesante e intensa foi a lectura de Una madre de Alejandro Palomas. A historia dunha familia peculiar (hai algunha familia que non o sexa?!) coas súas sombras e luces que nos fixo reflexionar sobre as relacións que se establecen entre os seus integrantes e o decisivas que son nas nosas vidas.


Un nai cun carácter tan peculiar que parece que perdeu a razón pero cando estás segura de iso, sorprende cun acto que demostra intelixencia e lucidez. Uns irmáns que soportan o peso dunha mochila de pesares e desatinos que se deixan levar pola vida, cada un como mellor pode pero sempre coa nai de referencia e un pai na ausencia.


A pesar dos elementos tráxicos da historia, o humor está moi presente desde o principio. Moitas persoas do club riron a gargalladas e outras só sorriron pero é o que ten o humor que é moi peculiar.  A unhas gustoulles tanto que o releron pero para outras simplemente foi unha lectura máis. En calquera caso, é unha lectura recomendable. Niso houbo unanimidade!
Nesta primeira reunión tamén houbo presentacións pois hai persoas novas neste club noso, tan lonxevo. Todavía hai prazas libres; anímate!
Na seguinte xuntanza falaremos sobre Os nenos da varíola de María Solar.










xoves, 25 de outubro de 2018

Día da Biblioteca


O día de onte foi especial. Celebrouse o Día da Biblioteca co que se pretende concienciar á poboación da importancia da mesma como lugar de encontro de lectores e como ferramenta para mellorar a formación e a vida das persoas.


Estivo a contadora Soledad Felloza con "A increíble historia do peixiño vermello na biblioteca máxica e outros sucedidos con libros".







Como xa nos temíamos os contos provocaron risas e sorpresas e lograron que grandes e pequenos pasáramos unha tarde estupenda na biblioteca.




                                      Ata outra rapaces!

Conversas en inglés

O pasado sábado 20 de outubro, tivo lugar a primeira reunión do grupo de Conversas en inglés que conta con dúas novas incorporacións.




Desexamos que o pasen ben...en inglés, of course!



sábado, 6 de outubro de 2018

Obradoiro de mochilas

Nenas e nenos de Caldas participantes no "Obradoiro de mochilas para grandes lectores" celebrado onte venres pola tarde mostraron unha grande creatividade para decorar as súas propias mochilas nas que levar os libros da biblioteca.

Por suposto os elementos decorativos estaban relacionados coa lectura e a fantasía dos contos.





Pronto a biblio se encheu de unicornios, nubes das que chovían letras, belas adormecidas, libros, e tamén houbo un balón que botaba letras...

Todo un patadón literario grazas o que Messi e Ronaldo se xuntaron con carapuchiñas, lobos e personaxes de conto… 














 



Fixeron un gran traballo e sairon da biblioteca coas mochilas a rebosar de libros cos que seguir a encher a súa fantasía. 




Patricia de "O Faiado de Nin", foi a encargada de conducir este fantástico obradoiro. 
Grazas a ela e os rapaces polo seu entusiamo!!