venres, 25 de xuño de 2021

A biblioteca no xardín

    Outro ano máis a biblioteca quere iniciar as vacacións de verán cunha chea de contos e historias, títeres e música e de novo tendo o xardín como marco e lugar de celebración das actividades. Como é habitual é preciso inscribirse previamente.

Desexamos que sexan do voso agrado!



mércores, 2 de xuño de 2021

A biblioteca vai ao cole

Debido ás restricións sanitarias polo COVID-19 este curso 2020-2021 non foi posible levar a cabo as visitas escolares de "Coñece a túa biblioteca". 

    Pero a grandes males, grandes remedios e así propuxémoslles aos centros educativos a posibilidade de facer nós, o persoal da biblioteca, as visitas aos colexios achegando a biblioteca ao alumnado para que coñezan os seus servizos e fondos e preparando con moito agarimo actividades atractivas para os rapaces onde os protagonistas foron os libros e a animación á lectura e fomentar o uso da biblioteca dous dos nosos obxectivos.

    Cada centro educativo escolleu o curso ou cursos a visitar:

No CPI Alfonso VII coa rapazada de 1º Primaria

No CPR San Fermín cos nenos de 2º Primaria

No CEIP de San Clemente cos rapaces de Infantil

No CPR A Encarnación cos nenos e nenas de Infantil

E por suposto visitamos os catros grupos do CRA de Caldas de Reis:

Escola de Godos

Escola de Saiar

Escola de Santo André

Escola de Carracedo

Grazas aos nenos e profesores pola súa resposta tan positiva!

Club de lectura

O club de lectura segue funcionando, a medio gas, sen reunións presenciais, pero seguimos lendo e compartindo impresións sobre as lecturas. Quedamos para recoller os libros e comentámolos vía grupo de whatsapp o último xoves de cada mes. 

Debido ás restricións sanitarias pola Covid-19, a biblioteca tivo que pechar dende finais de xaneiro ata o 17 de febreiro polo que a "reunión" de febreiro postergouse ata finais de marzo pola imposibilidade de recoller o libro no centro. Pero a lectura da obra "Cuando sale la reclusa" de Fred Vargas compensou a espera. Unha historia áxil, que te atrapa desde a primeira liña, uns personaxes peculiares e un final sorprendente son elementos que fixeron da súa lectura un verdadeiro pracer. Unha novela policíaca das que deixan pegada.

En abril volvémonos a atopar cunha coñecida autora do club de lectura, a escritora galega María Solar. A obra "As horas roubadas" foi do gusto da meirande parte dos integrantes do club que disfrutaron dunha historia tenra, fácil de ler e entretida.
Calquera dos dous libros forman parte do fondo da biblioteca municipal.

En maio lemos esta deliciosa obra de Elizabeth von Arnim "Abril encantado". Como dixo unha integrante do club,  o libro, por momentos, arrecende a flores. As protagonistas, catro mulleres inglesas que deixan  durante un mes a choiva londinense e as súas insatisfactorias vidas para ir ao pobo de San Salvatore, Italia, farán que teñamos unha visión máis optimista da vida. Unha lectua moi recomendable!