sábado, 23 de marzo de 2019

A cantar poesía con Manoele de Felisa



Onte tamén foi un venres de conto! De conto e canto, grazas ao músico Manoele de Felisa que trouxo poemas e cancións cos que se deleitaron pequenos e maiores.
 

Historias que falaban do medio ambiente, dos cucos, de animais… poemas de Neira Vilas e Rosalía de Castro postas na súa voz. 


A Biblioteca quería celebrar o día da poesía, e que mellor que con este espectáculo que achega ós máis pequenos e pequenas ó mundo da poesía dun xeito lúdico e atractivo. 


Foi unha tarde poético-musical e un xeito especial de celebrar o día da poesía, da árbore e da primavera. 


Foi un momento para compartir palmas e coros, na que as persoas adultas gozaron da música e da poesía na compañía dos peques da casa, tal como se aprecia nas fotos.


Parece que foi unha tarde divertida!

luns, 11 de marzo de 2019

Obradoiro de creación de teatros de papel



O venres pola tarde a biblioteca transformouse  nun laboratorio de arte e creatividade da man de Juan e Mónica de Juste Kamishibai, Papel e Teatro.  
 


Trouxeron un teatro de papel espectacular feito por Juan, unha obra de arte que  foi a inspiración para elaborar cada un dos vinte nenos e nenas que se animaron a asistir ao obradoiro os seus propios teatrillos de papel.


Con lapis de cores, tesoiras, papel e cartolinas os rapaces traballaron e gozaron dunha tarde máxica levando para as súas casas unha ferramenta  para crear moitas máis historias.



Ata pronto rapaces!


luns, 4 de marzo de 2019

Club de lectura

Se decimos "El cuento de la criada" moita xente dirá que lle soa. Uns pola serie de televisión e outros pola novela. A autora canadiense Margaret Atwood é a creadora desta trama distópica que tanto gustou e deu que falar. 
E iso é o que facemos no Club de Lectura da biblioteca, falamos de libros pero nesta ocasión foi inevitable facelo tamén da serie. 


Había xente que vira a serie e lera o libro e tamén había que non vira a serie pero sairon da reunión con moitos detalles dela. 
O libro gustou e todos falamos da verosimilitude do narrado o que dá bastante medo deixando a súa lectura un poso de inquietude. E como excepción temos que engadir que en algúns casos gustou máis a versión fílmica que o libro. O que xa é raro, pero hai que recordar que a autora tamén participou no guión. 


Foi unha reunión na que falamos moito pero tamén houbo momentos para a risa.
Para a seguinte cita do club de lectura imos falar de Cemiterio de elefantes de Fran Alonso.