venres, 1 de abril de 2022

Día do libro infantil e xuvenil

 Este sábado celébrase o Día do libro infantil e xuvenil e queremos facer con vós unha viaxe chea de aventuras  da man de Raquel Queizás. Estades preparados para a travesía?



luns, 21 de marzo de 2022

Día da poesía e da árbore



    O 21 de marzo celébrase o día da árbore e o da poesía. Desde a biblioteca quixemos recordarlles aos nosos usuarios e veciños esta data tan especial colgando 25 poemas de autores diversos, Benedetti, Gil de Biedma, Lupe Gómez ou Cabanillas entre outros, das ramas dos camelios que hai fronte á biblioteca, no paseo Román López.

 

    Por outra banda e xa no interior do centro contamos cunha pequena mostra de obras que nos falan do simbolismo e tradicións dalgunhas árbores,  das especies autóctonas de Galicia ou información sobre xardíns históricos da provincia de Pontevedra. Trátase dunha pequena selección para grandes e pequenos entre os que seguro atoparedes algo que sexa do voso interese.

Deixámosvos o listado aquí:

venres, 11 de marzo de 2022

Libros con moita arte

 

    Hoxe abre as portas o Salón Internacional do Libro infantil e xuvenil de Pontevedra que nesta XXIII edición leva o título Con moita arte!. Numerosas actividades para nenos e familias terán lugar ata o vindeiro 27 de marzo e na biblioteca queremos aproveitar para mostrarvos algunhas das obras que temos onde a arte é a gran protagonista. Vaias ou non ata o Salón achégate á biblioteca e goza con calquera das obras que vos propoñemos. Para coñecer mellor os títulos do lote segue este enderezo:

xoves, 3 de marzo de 2022

Novidades na biblioteca

    Este mes de marzo ven cargado de novidades. Achégate ata a biblioteca e bótalle un ollo, seguro que hai algo para ti!

Para os máis pequenos

...e para os que non son tanto.

 

 Para adultos curiosos...


Unha chea de historias...

E o cómic que non falte!


O listado completo das novidades podesdes consultalo neste enlace:

luns, 28 de febreiro de 2022

Club de lectura

    A pasada semana, o mércores 23 e xoves 24 de febreiro, tivemos as reunións do club de lectura. A obra que comentamos foi "Volver a casa" da autora nada en Ghana e residente en Estados Unidos, Yaa Gyasi. . A narración desenvólvese na costa suroccidental de África,  a actual República de Ghana, e en Norteamérica, abarcando desde o século XVIII ata o presente. As historias de Effia e Esi, fillas da mesma nai pero de pais de etnias diferentes, e que nunca se chegaran a coñecer, son as que inician o relato que non deixa de ser un percorrido alterno das dúas ramas familiares, e onde en cada capítulo preséntase a historia dun novo membro de cada un dos liñaxes.

    Coa lectura seremos testemuñas do comercio de esclavos, das guerras tribais, do negocio do cacao, do papel dos misioneiros, da loita polos dereitos civís ou das drogas.

    A súa lectura deixou unha fonda pegada en todos os participantes do club en parte pola estrutura utilizada pola autora,  polo traballo histórico que hai detras ou por eses personaxes fortes que se rebelan e  pouco a pouco vanse liberando dun destino planificado por outros. Un dos acertos sinalados por varios participantes foi que a autora  non se recreou no drama e non plantexou unha historia de bos e malos. 

    O listón segue quedando alto de novo!

    A próxima obra que comentaremos a finais do mes de marzo é A vinganza do defunto de Carlos G. Reigosa.





xoves, 17 de febreiro de 2022

Club de lectura

A finais do mes pasado (26 e 27 de xaneiro) volvémonos a reunir para comentar a lectura do libro Vestido de novia do autor francés Pierre Lemaitre. Atendendo á opinión case unánime dos participandes do club a súa lectura foi fácil e moi entretida. Trátase dunha novela negra onde o autor presenta unha trama intrigante e orixinal e utilizando uns recursos moi acertados, como por exemplo xiros inesperados na narración, consegue manter ao lector alerta e enganchado á historia ata a última páxina..

Como puntos fracos houbo quen sinalou un final un pouco precipitado así como o surrealista do relato nalgunhas ocasións.

 En calquera caso deixou moi bo sabor de boca e o listón quedou alto para a seguinte lectura e comentario da obra: