mércores, 23 de setembro de 2015

Anímate a contar na Biblioteca!



Gústache contar contos aos máis pequenos? 

Sabes da importancia da oralidade na formación dos rapaces?

A Biblioteca Municipal inicia a actividade Ti tamén contas onde os adultos protagonizarán sesións de contos para nen@s na biblioteca. 
Os maiores contarán contos e os peques escoitarán. 
Os maiores gozarán e os peques pasmarán

Sen dúbida será unha actividade fermosa para todos os participantes. Pretendemos formar un grupo de pais, nais, avós, avoas, tíos e tías... En definitiva, calquera persoa que esté disposta a embarcarse no marabilloso mundo das contadas ao tempo que participa nunha nova experiencia. 
Faremos grupos de traballo e  o persoal da biblioteca vos axudará na busca daqueles libros que sexan máis adecuados, dos títulos que máis gustan, practicaremos a narración do conto, ensaiaremos e crearemos nalgúns casos material de apoio para a sesións.


Achégate á charla informativa o día 3 de outubro e non te perdas o obradoiro da excepcional Charo Pita!!


xoves, 17 de setembro de 2015

O Club de Lectura inicia unha nova temporada

 
 
   Ainda que deixamos a infancia fai un tempo setembro é un mes para iniciar ou retomar actividades habituais e na Biblioteca Municipal  este costume tamén se cumpre.

   Os integrantes do club de lectura xa poden pasar polo centro a recoller o seu exemplar da obra En la orilla de Rafael Chirbes. Se estás interesado en participar hai prazas libres. Achégate canto antes!

   A primeira reunión para falar do libro terá lugar o derradeiro xoves de outubro ás 20.30h. 




luns, 17 de agosto de 2015

Rafael Chirbes na biblioteca

O sábado 15 de agosto morreu o escritor e crítico literario Rafael Chirbes autor de obras tan recoñecidas e premiadas como "Crematorio" ou "En la orilla".
Se ainda non o coñeces e queres unha visión certeira da realidade do noso país nos últimos anos achégate ata a biblioteca para descubrilo.



xoves, 13 de agosto de 2015

Viñetas... tamén en Caldas

Xa saberedes que na biblioteca de Caldas temos un centro de interese adicado ao cómic, banda deseñada, novela gráfica.... como lle queirades chamar. Nós decatámonos por "Cómics para adultos"

Neste días en A Coruña, celébrase o salón do cómic "Viñetas desde o atlántico". Ademais de animarvos a gozar dela (apurade que remata o día 16!) aproveitamos a ocasión para lembrarvos que algúns dos artistas invitados teñen unha pequena representación na nosa biblio.

 Deste xeito e a modo de exemplo, de Ana Miralles atoparedes Djinn,

 
  de Alfonso Zapico, Café Budapest,
 

 


 
  
e de David Rubín, El circo del desaliento o El héroe
 
 Non están todos pero é que tendes que vir para descubrir as sorpresas do noso centro de interese "comiquero" .


 

  Animádevos a visitar viñetas... 

as coruñesas e as caldenses!!

mércores, 12 de agosto de 2015

II Día das galegas nas letras

O vindeiro sábado día 15 de agosto en Pontevedra, no Parque dos Garfos, vaise homenaxear á escritora María Victoria Moreno, a quen se lle adica o II Día das galegas nas letras, iniciativa da plataforma de crítica literaria "A Sega".

Con tal motivo, ademais de darlle os parabéns á organización por matinar nun evento tan interesante como necesario e polo seu esforzo por potenciar a visibilidade das mulleres dentro do mundo das letras galegas, queremos desde este blogue, lembrar e recomendar a obra desta escritora.
Poderiamos destacar moitos aspectos da súa personalidade e da súa obra pero quedarémonos coa súa reinvidicación (que tamén é a nosa) da importancia da literatura infantil e xuvenil.
Algunhas das súas obras máis destacadas como ¿Un cachiño de bica? ou Leonardo e os fontaneiros, a súa preferida, ou Anagnórise, unha das obras con máis éxito da literatura xuvenil galega están a esperar por vós na biblio.
Non perdades a oportunidade de achegarvos a elas, ben para recordalas ou para coñecelas.
Deixámosvos o enlace onde teredes máis información http://www.asega-critica.net/





martes, 21 de xullo de 2015

Os bolechas na máquina do tempo


O domingo día 19, máis de cen persoas acudiron ao auditorio de Caldas para gozar do espectáculo dos bolechas titulado "Os bolechas na máquina do tempo". Tratouse dunha función de monicreques manipulados por actores á vista que levou aos espectadores, rapaces e maiores, a experimentar unha aventura a través do tempo.


 
 A ilusión e alegría dos pequenos por ver a Carlos, Pili e ao resto dos irmáns bolechas, incluido Chispa, na compaña da atolondradada e excéntrica científica Apolodora, contaxiou aos máis maiores.

 

Esta actividade pertence ao programa de dinamización lingüística da Xunta de Galicia, Fala Redes, e ten continuidade a través de internet pero para iso hai que saber a palabra clave que nos dixeron os bolechas... lémbrala?



mércores, 15 de xullo de 2015

A BIBLIOTECA NO MERCADO


O luns 13 de xullo a biblioteca fixo a súa saida anual ó mercado. Foi unha experiencia moi gratificante. Imos cargados de material librario e audiovisuais: novidades, fondo infantil, publicacións periódicas. Proporcionamos información sobre os servizos, fondos e actividades establecendo así un contacto máis informal coa veciñanza. 

Outro modo de facer máis visible a biblioteca.

Tivemos como veciños ó alumnado do Centro Ocupacional de O Saiar que nos axudaron a montar e recoller.

Pasamos un pouco de calor pero como sempre foi moi divertido!!!