xoves, 21 de outubro de 2021

Parabéns, biblioteca!

    Este mes, o 24 de outubro, festéxase o día das bibliotecas e como nos gusta que os usuarios participen e sexan protagonistas das actividades que se levan a cabo repartimos unhas tarxetas de parabéns onde cun debuxo, un poema, un breve texto ou unha viñeta mostraran o seu cariño polas bibliotecas.

Entre aqueles que participen haberá algún agasallo!


 

luns, 4 de outubro de 2021

Outubro de cómic

  A biblioteca pública ten a obriga de dar a coñecer os seus fondos e agora tócalle a unha parte da colección moi demandada por algúns dos nosos usuarios e darlle, se cabe, unha maior visibilidade:  o cómic.


    Durante o mes de outubro haberá unha pequena mostra procedente da sección de cómic da biblioteca. O obxectivo é achegar uns cantos títulos de banda deseñada aos nosos usuarios. Nunha mesa á entrada do centro poñeremos un feixe de obras dirixidas a todas as idades, con xéneros e temáticas diferentes onde estarán representados clásicos do mundo do cómic e algunha que outra novidade.

    Preparamos un pequeno tríptico onde se detallan os títulos seleccionados así como dúas das actividades que dinamizan esta mostra e que precisan da colaboración dos nosos usuarios e usuarias.

    Por unha banda a participación dos lectores recomendando algún título de cómic para o que deberán enviarnos un breve comentario e unha foto súa co exemplar do que nos fala ao enderezo electrónico biblioteca@caldasdereis.com. Estas aportacións serán subidas ás redes da biblioteca para darlle a máxima difusión á actividade.

    En segundo lugar e para xogar un pouco, confeccionamos algunhas máscaras que estarán a disposición de grandes e pequenos para que por un momento se transformen en Super Patata, Naruto ou Astérix e facerlles unha divertida fotografía sempre e cando teñamos o seu permiso.

 


Non están todos os que son, pero son todos os que están... Para calquera dúbida pregúntanos a través das redes ou enviando un correo a biblioteca@caldasdereis.com ou no teléfono 986530604. O tríptico podedes consultalo aquí:


xoves, 30 de setembro de 2021

Club de lectura

    Voltamos de novo co club de lectura pero agora xa de forma presencial!. Debido ás distancias que hai que gardar imos desdobrar o grupo polo que faremos duas quendas: o último mércores e último xoves de mes. O título do libro que imos ler é "No somos los únicos que llevamos este estúpido apellido" da autora francesa Marie-Aude Murail. Esta temporada tamén se dou entrada a unha persona máis quedando equilibrados os dous grupos. 

    Como sempre desexamos que as reunións sexan o máis gratas posibles, compartindo lecturas e descubrindo puntos de vista diferentes.


venres, 10 de setembro de 2021

A biblioteca no xardín

    


    O ciclo de actividades "A biblioteca no xardín" organizado pola Biblioteca Municipal "P. M. Martínez Ferro" a finais de agosto e principios de setembro tivo tanto tirón como as que se levaron a cabo no mes de xullo.

Ante o novo panorama provocado polo Covid-19 e ante a imposibilidade, polo de agora, de desenvolver actividades na biblioteca, decideuse o pasado verán, trasladalas ao parque-xardín, e se o tempo non acompaña, ao Auditorio, onde podemos gardar as distancias de seguridade sen problema.

Desta volta houbo dúas sesións que se fixeron no auditorio polo mal tempo. En total acudiron unhas 160 persoas entre nenos e adultos. Houbo maxia, contos e música da man de O Mago Paco, Pablísimo, Expresión Produccións e Bandullo Azul. Estas catro actividades que se desenvolveron nas mañás da semana do martes 31 de agosto e venres 3 de setembro estan cofinanciadas polo programa Ler conta moito.

venres, 30 de xullo de 2021

A biblioteca no xardín volta de novo

 


Novidades para o verán

    Rematamos xullo e renovamos a mesa de novidades para que o verán sexa de todo menos aburrido en canto a lecturas. Unha pequena mostra:

Para a rapazada

Facer unha lectura pausada sobre algún tema que nos interesa












E por suposto novelas coas que pasar mellor este verán tan atípico.

O listado completo das novidades pódese consultar neste enlace:

Club de lectura

    O 30 de xuño rematamos esta tempada tan estraña do club de lectura co libro Merlín e familia de Álvaro Cunqueiro. As reunións do "curso" fixéronse de forma virtual pero o punto final foi  presencial, e xa que as restricións así o posibilitaron xuntámonos e comentamos a lectura do libro nunha terraza dun local de hostelería do pobo.

    Para alguns integrantes do club foi unha relectura e para outros todo un descubrimento dun clásico da literatura galega. En calquera caso un imprescindible.


Ata outubro!

venres, 25 de xuño de 2021

A biblioteca no xardín

    Outro ano máis a biblioteca quere iniciar as vacacións de verán cunha chea de contos e historias, títeres e música e de novo tendo o xardín como marco e lugar de celebración das actividades. Como é habitual é preciso inscribirse previamente.

Desexamos que sexan do voso agrado!



mércores, 2 de xuño de 2021

A biblioteca vai ao cole

Debido ás restricións sanitarias polo COVID-19 este curso 2020-2021 non foi posible levar a cabo as visitas escolares de "Coñece a túa biblioteca". 

    Pero a grandes males, grandes remedios e así propuxémoslles aos centros educativos a posibilidade de facer nós, o persoal da biblioteca, as visitas aos colexios achegando a biblioteca ao alumnado para que coñezan os seus servizos e fondos e preparando con moito agarimo actividades atractivas para os rapaces onde os protagonistas foron os libros e a animación á lectura e fomentar o uso da biblioteca dous dos nosos obxectivos.

    Cada centro educativo escolleu o curso ou cursos a visitar:

No CPI Alfonso VII coa rapazada de 1º Primaria

No CPR San Fermín cos nenos de 2º Primaria

No CEIP de San Clemente cos rapaces de Infantil

No CPR A Encarnación cos nenos e nenas de Infantil

E por suposto visitamos os catros grupos do CRA de Caldas de Reis:

Escola de Godos

Escola de Saiar

Escola de Santo André

Escola de Carracedo

Grazas aos nenos e profesores pola súa resposta tan positiva!

Club de lectura

O club de lectura segue funcionando, a medio gas, sen reunións presenciais, pero seguimos lendo e compartindo impresións sobre as lecturas. Quedamos para recoller os libros e comentámolos vía grupo de whatsapp o último xoves de cada mes. 

Debido ás restricións sanitarias pola Covid-19, a biblioteca tivo que pechar dende finais de xaneiro ata o 17 de febreiro polo que a "reunión" de febreiro postergouse ata finais de marzo pola imposibilidade de recoller o libro no centro. Pero a lectura da obra "Cuando sale la reclusa" de Fred Vargas compensou a espera. Unha historia áxil, que te atrapa desde a primeira liña, uns personaxes peculiares e un final sorprendente son elementos que fixeron da súa lectura un verdadeiro pracer. Unha novela policíaca das que deixan pegada.

En abril volvémonos a atopar cunha coñecida autora do club de lectura, a escritora galega María Solar. A obra "As horas roubadas" foi do gusto da meirande parte dos integrantes do club que disfrutaron dunha historia tenra, fácil de ler e entretida.
Calquera dos dous libros forman parte do fondo da biblioteca municipal.

En maio lemos esta deliciosa obra de Elizabeth von Arnim "Abril encantado". Como dixo unha integrante do club,  o libro, por momentos, arrecende a flores. As protagonistas, catro mulleres inglesas que deixan  durante un mes a choiva londinense e as súas insatisfactorias vidas para ir ao pobo de San Salvatore, Italia, farán que teñamos unha visión máis optimista da vida. Unha lectua moi recomendable!

martes, 25 de maio de 2021

Novidades na biblioteca

Un feixe de novidades chegaron ata a biblioteca. Ficción e divulgación para maiores e pequenos. Aí vai unha pequena mostra:

Narrativa para adultos, novidades e non tanto




E seguimos con narrativa para adultos aderezado cunha pinga de poesía


O material de coñecemento sempre presente.


Para a rapazada moita aventura, historias de vida, fantasía...


Cómics para tódalas idades

E por suposto para os máis pequenos da casa:


 
O listado completo podédelo consultar no seguinte enlace:

venres, 30 de abril de 2021

Abril Mes dos libros

    Abril e maio son meses moi especiais para o libro, a lectura e por suposto para as bibliotecas públicas. Celebramos datas como:

  • O día do libro infantil e xuvenil, o 2 de abril.
  • O día do libro por excelencia, o 23 de abril.
  • O día das Letras Galegas, o 17 de maio.

    A biblioteca municipal de Caldas de Reis sempre festexou esas datas da maneira que máis nos gusta, a nós e aos nosos usuarios. Escoitabamos contos, facíamos obradoiros, os escolares visitaban o centro, etc. Pero este ano volvemos a estar moi limitados polas restriccións debido ao COVID-19 polo que as actividades están sendo un pouquiño diferentes.

    Unha segunda entrega de premios para os máis lectores, esta vez para rapaces maiores de 14 anos e adultos tivo lugar o 24 de abril. Os  afortunados foron Joel Torres Velo, Elora Eiriz Pérez, Estrella García García e Mª Jesús Rivas Juncal que recibiron os seus lotes de libros da man de María López, concelleira de cultura.

    O día 23 de abril celebrámolo con "Un libro baixo a almofada" contada a cargo de Felipe Díaz Valle "Caxoto" para os rapaces de 3º de Primaria e que se levou a cabo nos distintos centros educativos do concello.


    Esta semana iniciamos co CPI Alfonso VII e o CPR San Fermín a actividade "A biblioteca vai ao cole". Se ata o de agora eran os centros educativos do concello, desde Educación Infantil ata 1º da ESO, os invitados a participar das visitas guiadas "Coñece a túa biblioteca" este ano, e cunha resposta moi positiva, irá a biblioteca a ter un encontro cos rapaces nos seus colexios.



mércores, 31 de marzo de 2021

Día do libro infantil e xuvenil

 

Rapaces premiados coas familias e a concelleira de cultura María López Buceta
 

Como en anos anteriores, o IBBY (International board on books for young people) chama á conmemoración do Día do Libro Infantil o 2 de abril, data de nacemento de Hans Christian Andersen

Na biblioteca de Caldas de Reis quixemos celebrar este día dun xeito diferente ao realizado outros anos. Este ano e debido ás restriccións, facer actividades na biblioteca, contacontos, obradoiros, etc é imposible, polo que pensamos en premiar a aqueles rapaces que  nos últimos meses fixeran un maior uso do servizo de préstamo. E como son uns grandes lectores que mellor agasallo que un pequeño lote de libros. Os seus nomes son:

  •       Diego Iglesias Ortigueira (8 anos)
  •       Pedro Aguirre Eirín (4 anos)
  •       Suevia Casal Fernández (3 anos)
  •       Anxo Ortigueira Martínez (5 anos)
  •       Alba Rivas Núñez (10 anos) 

    A concelleira de cultura, María López Buceta, entregou un lote de libros a cada un dos premiados. Foi unha acto divertido e emocionante. As persoas premiadas posaron diante da “Porta máxica dos contos”, unha porta á imaxinació e ás historias que os libros nos trasladan. Con este tipo de actividades pretendemos promocionar os libros infantís e xuvenís de calidade e a lectura entre os máis novos.

Alba Rivas Núñez

Anxo Ortigueira Martínez

Diego Iglesias Ortigueira

Pedro Aguirre Eirín

Suevia Casal Fernández

Grazas pola vosa participación e entusiasmo!

mércores, 24 de marzo de 2021

En-Redando coa poesía na biblioteca


     

    O pasado domingo, 21 de marzo, celebrouse o día da poesía e como é habitual desde a biblioteca municipal quixemos festexalo. 

    Invitamos aos amantes da poesía a enviarnos unha gravación de dous minutos máximo recitando ou lendo un poema, preferiblemente de creación propia. A resposta foi positiva e  once persoas fixéronnos chegar as súas aportacións das cales  a biblioteca se encargou de gravar catro delas. Estas once pingas de poesía foron publicadas nas redes sociais da biblioteca pública municipal (facebook e instagram) na semana do 15 ao 21 de marzo co obxectivo de dar a coñecer esta data e  visibilizar un xénero como a poesía grazas ás creacións de usuarios da biblioteca e veciños da comarca. 

O noso agradecemento pola ilusión e o tempo invertido na iniciativa é para:

Luz Rey Cascallar, Cándido Duro Domínguez, Enrique Brumbéck, José Ramón Morales Fernández, Cris Collazo, Nazaret Nogueira, Lois Gil Magariños, José Tizado, Paula Cascallar Latorre, Manuel Antón Mosteiro García e Miguel Froján Castro.

Á entrada do centro fíxose un pequeno mural explicando a actividade e agradecendo a participación a todos e todas.