xoves, 13 de xullo de 2017

Presentación de Canciones para no escuchar

    A organización de actividades nunha biblioteca pública municipal, aporta unha pincelada extra de emoción e desacougo, especialmente cando a data acordada é un venres caluroso de verán, á hora de tomar viños. Esta reflexión xorde tras a presentación do libro Canciones para no escuchar de Ernesto Diéguez Casal, editado por La pajarita roja. 
Sempre se intenta que os actos saian ben pero esta foi unha experiencia fantástica.
 

A súa foi unha das que non se olvidarán, repleta de xente e de emoción, e na que houbo moitas risas e manifestacións de cariño. O espazo encheuse con rapidez polo case medio centenar de persoas que acudiron, dende bebés a xubilados pasando por rapaces, adolescentes, compañeiros, amizades, veciños e familia do autor. E non era para menos, todos querían apoiar e acompañar a Ernesto Diéguez Casal, na presentación en sociedade da súa recén nacida criatura literaria, Canciones para no escuchar.


   Ernesto é un mozo caldense quen coma moitos outros, tras formarse de xeito extraordinario en España, decide desenvolver a súa actividade fóra, na procura de mellores condicións. Neste caso, Ernesto decidiuse por Islandia, onde na acutalidade traballa como biólogo. 
Nunca deixou de escribir, afición que desenvolve desde a adolescencia e na que ten un papel determinante a súa nai, quen escoitou orgullosa esta afirmación da boca do seu fillo e a quen está adicado o libro.



   Canciones para no escuchar xira en torno ao desencanto dunha xeración sobre a que residían moitas espectativas e esperanzas que acabaron por converterse nunha lousa pesada nos seus ombros. E así se lles presenta unha realidade, ás veces hostil, na que se acaban instalando e usando os recursos máis diversos, tal como lle suceden aos protagonistas da novela. 
O punto de arranque é unha despedida de solteiro, a do primeiro amigo da pandilla que casa. Un festexo case banal que serve de fío condutor para a presentación de personaxes resignados, sen esperanza, coa tristura e resignación de deixar de lado os seus soños, grises e sombríos coma as súas vidas.




O desencanto vital convive con certas notas de humor, o pesimismo dalle a man a aventuras trepidantes. 

Estamos ante unha novela de aprendizaxe, diante dunha viaxe iniciática, cara unha vida con sentido. 




Pero...cal é o sentido da vida? 
Esa pregunta que nunca vén soa, fai que a novela sexa atemporal e otórgalle rasgos universais, xa que todo aquel que sufriu de desarraigo vital vaise sentir identificado na novela. 
 
 Está escrita nun estilo conciso, sinxelo e áxil con moitas referencias literiarias, musicais e cinematográficas. O deseño da estrutura narrativa é moi acertado. Por todo iso, o resultado final é unha novela redonda cuxa lectura non deixará indiferente a ninguén. 


   O editor Carlos Tosca,  aportou moitos detalles curiosos á tertulia e animou a rolda de preguntas que resultou moi interesante. Deste xeito enterámonos do periplo para decidir o título. O actual fai  referencia a todas aqueles cancións que son importantes na nosa vida, aquelas que encollen o corazón pero aínda así, queremos seguir escoitándoas.


Moita cola houbo para que o autor firmase exemplares!




 A coidada edición a cargo de La pajarita roja, destaca polo deseño fresco e atractivo; nótase o mimo do seu traballo.

 

Desde a biblioteca animámosvos, con orgullo e ímpetu, a ler a última novela publicada dun dos nosos usuarios máis queridos. 

Canciones para no escuchar de Ernesto Diéguez Casal pertence aos fondos da biblio e e podedes levala en préstamo.


luns, 10 de xullo de 2017

Un ano máis: bibliomercado!

Como vén sendo habitual, dentro do festival Cultura Quente, a biblioteca sae de excursión e durante unha mañá instala un posto na rúa Real.


Sempre é en luns, día de mercadillo, e alí estamos entre os postos de roupa e froita.


Con esta actividade queremos achegar a biblioteca a máis xente por iso levamos libros representativos dos seus fondos, tanto para adultos coma para rapaces. Novelas, revistas, ensaiaos, películas, documentais, cómics, contos... E por suposto, tamén levamos as últimas novidades!













Descubrindo libros...


  Á policía local tamén lle gusta o noso posto.









O sol molestaba un pouco pero aínda así, vale a pena parar un momento para botarlle un vistazo ás novidades.


 Usuarios non habituais que coñecen a biblioteca no mercadillo. 














                                                                                                                                                                                 

 Usuarios habituais que se acercan a saúdar e a felicitarnos pola iniciativa. Grazas!














 
Non pode faltar unha mesa para que os máis pequenos se senten con comodidade, coma se estivesen na propia biblioteca, para botarlle un vistazo aos libros ou realizar debuxos.


É unha actividade gratificante, divertida e necesaria para lembrar que a biblioteca municipal é túa, e de todos.
Vinde a coñecela!

xoves, 6 de xullo de 2017

Reunión especial do club de lectura

As integrantes do club de lectura da biblioteca de Caldas, tivemos o xoves 29 de xuño, unha reunión moi especial, xa que era a última do "curso". O club vaise de vacacións durante o verán e para celebralo cambiamos o lugar de reunión e fomos de cea todas xuntas. 

Entre a tortilla e os calamares, houbo tempo para comentar a última lectura do club, que nesta ocasión foi La ley del menor de Ian McEwan, publicado en castelán por Anagrama. Foi unha das lecturas que máis gustou; tanto foi así que Rosa animouse e leu a novela dúas veces, e houbo persoas que falaron dela con moita paixón.

 A historia ten como protagonista a unha xuíza que está acostumada a casos moi difíciles e que de súpeto, vese metida nun que lle afectará de xeito persoal precisamente cando a súa vida privada está a pasar por un momento de crise. Os personaxes secundarios que a rodean e casos nos que participou, configuran unha novela redonda que se le dunha sentada e na que é difícil entender como o autor, Ian McEwaan

 E como dicía Tati: "pode ser que che guste ou non, pero ten moitos aspectos para comentar" E así foi: a imparcialidade da xustiza, o alcance do veredictos nos que poden tomar decisión de vida ou morte, a búsqueda constante de anhelos que enchan a vida... Son tantos os temas entrelazados nesta novela dunhas duascentas páxinas que parece incríble como se compuxo ese entramado de temas dun modo tan fluido.

A intensidade emocional dun escritor cun estilo sabio e sinxelo que sorprende e conmove a partes iguais, fai que consideremos La ley del menor como unha excelente lectura e recomendámola encarecidamente.




Voltamos tras o verán, con máis libros e máis reunións.




Moito sol, moita festa e moi boas lecturas!