luns, 28 de febreiro de 2022

Club de lectura

    A pasada semana, o mércores 23 e xoves 24 de febreiro, tivemos as reunións do club de lectura. A obra que comentamos foi "Volver a casa" da autora nada en Ghana e residente en Estados Unidos, Yaa Gyasi. . A narración desenvólvese na costa suroccidental de África,  a actual República de Ghana, e en Norteamérica, abarcando desde o século XVIII ata o presente. As historias de Effia e Esi, fillas da mesma nai pero de pais de etnias diferentes, e que nunca se chegaran a coñecer, son as que inician o relato que non deixa de ser un percorrido alterno das dúas ramas familiares, e onde en cada capítulo preséntase a historia dun novo membro de cada un dos liñaxes.

    Coa lectura seremos testemuñas do comercio de esclavos, das guerras tribais, do negocio do cacao, do papel dos misioneiros, da loita polos dereitos civís ou das drogas.

    A súa lectura deixou unha fonda pegada en todos os participantes do club en parte pola estrutura utilizada pola autora,  polo traballo histórico que hai detras ou por eses personaxes fortes que se rebelan e  pouco a pouco vanse liberando dun destino planificado por outros. Un dos acertos sinalados por varios participantes foi que a autora  non se recreou no drama e non plantexou unha historia de bos e malos. 

    O listón segue quedando alto de novo!

    A próxima obra que comentaremos a finais do mes de marzo é A vinganza do defunto de Carlos G. Reigosa.





xoves, 17 de febreiro de 2022

Club de lectura

A finais do mes pasado (26 e 27 de xaneiro) volvémonos a reunir para comentar a lectura do libro Vestido de novia do autor francés Pierre Lemaitre. Atendendo á opinión case unánime dos participandes do club a súa lectura foi fácil e moi entretida. Trátase dunha novela negra onde o autor presenta unha trama intrigante e orixinal e utilizando uns recursos moi acertados, como por exemplo xiros inesperados na narración, consegue manter ao lector alerta e enganchado á historia ata a última páxina..

Como puntos fracos houbo quen sinalou un final un pouco precipitado así como o surrealista do relato nalgunhas ocasións.

 En calquera caso deixou moi bo sabor de boca e o listón quedou alto para a seguinte lectura e comentario da obra:




luns, 14 de febreiro de 2022

Coñece a túa biblioteca

    Pouco a pouco as visitas escolares á biblioteca municipal durante este curso 2021/2022 van collendo forza. Comezamos alá en outubro, os días 26 e 27, cos nenos e nenas de 4º de primaria do CPI Plurilingüe Alfonso VII. Puxemos a mesa e ofrecémoslle un "menú de contos" moi completo e variado, cos seus primeiros e segundos pratos e por suposto non faltaron os postres! 

    O 25 de novembro viñeron os rapaces de infantil do CEIP Plurilingüe de San Clemente de César. Falámoslles dos servizos da biblioteca e das historias agochadas nos libros, contos de ratos e de lúas que fixeron pasar un momento inesquecible aos máis pequenos.

    E para rematar e xa neste ano 2022, o  31 de xaneiro, os que fixeron unha parada foron os rapaces de 1º e 2º de Primaria do CEIP Plurilingüe de San Clemente de César que coñeceron de primeira man un feixe de historias e contos de... todo tipo de bechos!

 


Esperamos que nos vindeiros meses e ata finalizar o curso máis grupos escolares se acheguen ata o centro.


xoves, 10 de febreiro de 2022

O entroido ou a festa da carne

 Achégase o entroido, unha festa chea de tradición e orixinalidade. En Galicia é unha festividade moi arraigada e con características moi específicas dependendo das zonas.

    Desde a biblioteca fixemos unha pequenfa mostra bibliográfica para mostrarvos parte dos nosos fondos sobre o tema  e saber un pouco máis dos volantes, das pantallas, das madamas e dos galáns entre outros así como dos platos tradicionais da nosa cociña.

Aquí tedes unha pequena guía para consultar o material da mostra:


luns, 7 de febreiro de 2022

Namórate da lectura


O vindeiro 14 de febreiro celébrase o día de San Valentín, o día dos namorados. E non hai nada mellor que aproveitar estas datas para retirar das estanterías uns cantos títulos onde o amor é o protagonista e achegalos un pouco máis aos nosos usuarios e usuarias mediante unha pequena mostra bibliográfica.

 

 

Por suposto, non están todas as novelas que temos nos andeis da biblioteca, só é unha pequena mostra. Por outra banda, tocamos todos os estilos, clásicos da literatura universal, novela romántica, superventas... pois sabemos da diversidade de gustos da nosa comunidade lectora.

Esperamos que atopes o teu libro!

Tendes á vosa disposición unha pequena guía: