martes, 29 de decembro de 2015

Club de Lectura

O pasado xoves 17 de decembro o club de lectura da biblioteca reuniuse por última vez neste ano 2015. Comentouse o libro Sarou de Ramón Caride Ogando que deu lugar a un debate moi entretido.
En Sarou o ambiente do narcotráfico, das drogas e as consecuencias de todo iso, están moi presentes. E quizáis por ser un tema que se coñece ben na Galicia costeira houbo certa sensación de "déjà vu"
O libro foi escrito en 1997, ano no que gañou o premio Café Dublín, pero o paso dos anos non se lle nota, xa que segue sendo un tema de actualidade. 


A estruturación da novela facilita a súa lectura.  E a mestura das personaxes femininas, mulleres algunhas que non queren saber do que ocorre ao seu redor, outras máis novas e con ilusións, nais sufridoras e resignadas, nais fortes e valentes dispostas a facer o que sexa para saír adiante. O machismo e a violencia, explícita e implícita, é un elemento moi presente.
O final, aberto a posibles conxeturas tamén dou moito que falar...
En xeral, os asistentes á reunión, que estivo animada polas lambonadas navideñas que algún deles trouxo, coincidiron en que era unha lectura doada e entretida aínda que para uns máis que para outros.
O club volverase a reunir o 28 de xaneiro do próximo ano, o último xoves de mes como vén sendo habitual, para comentar nesta ocasión unha novela histórica, La herbolera de Toti Martínez de Lezea.

mércores, 23 de decembro de 2015

Contos de nadal no mundo

Hoxe,  Amor e Mª Luisa, integrantes da Asociación Plural.es, organizadora da actividade, fixeron un percorrido por diferentes lugares do mundo traéndonos contos navideños desde Rusia, Arxentina ou México.


Algúns nenos, como Flavia, tamén se animaron a facer as súas lecturas en voz alta.


martes, 22 de decembro de 2015

HORARIO NADAL

A Biblioteca no Nadal abrirá co seu horario habitual salvo os seguintes días que permanecerá pechada:
  •  24, 25 e 31 de decembro                                                           
  •  1 e 6 de xaneiro                                                                       
  •  5 de xaneiro pola tarde



BOAS FESTAS !

Obradoiro de manualidades de Plural.es



 Bo traballo rapaces!!





A Asociación Plural.es desenvolveu un obradoiro de manualidades para nenos a partir dos seis anos. Traballaron  na Biblioteca e o resultado, como podedes ver, foi do máis vistoso e orixinal.

 
Non olvidedes que o mércores 23 de decembro ás 17h na Biblioteca Municipal esta asociación levará a cabo a actividade "Cuentos de Navidad en el mundo".


luns, 21 de decembro de 2015

O Nadal chega á Biblioteca







O sábado contos e manualidades de temática navideña encheron a mañán.











Primeiro unha contada "A triple maxia do Nadal" pola que desfilaron Papá Noel, o Apalpador e os Reis Magos. 




 
Cris contounos como un esfameado Lobo Feroz quixo comer a Papá Noel o día de Noiteboa, ou a historia de Martiño que a noite de Reis costáballe moitísimo ficar na súa cama durmindo. Falounos do Apalpador, un personaxe popular nas terra do Courel, Trives... 
Deseguida un obradoiro onde os rapaces elaboraron tarxetas navideñas, puxeron a árbore e decoraron o espazo con motivos navideños.

luns, 14 de decembro de 2015

Nadal na Biblioteca


Como todos os anos vestiremos a Biblioteca de Nadal pero antes escoitaremos algún que outro conto sobre os protagonistas destas datas tan festivas.  
Diversión asegurada!

sábado, 5 de decembro de 2015

Novidades de Nadal

Xa está aquí decembro e co frío, ainda que non moito, chegaron novas incorporacións.
Hai de todo como en botica. Para os pequenos da casa e para os que teñen uns cantos anos máis.
Atoparás narrativa de MISTERIO, amor, mafias... Poderás facer novas RECEITAS DE COCIÑA,  achegarte a temas de divulgación científica dunha maneira máis entretida, cómic... 
Visita a biblioteca e seguro que atoparás algo do teu interese.


Podes consultar o listado completo en:

mércores, 2 de decembro de 2015

Mil Cretinos

Mil cretinos e algún máis, desfilaron na última reunión do club de lectura da biblioteca que foi o xoves 26 de novembro. Da man do seu autor, Quim Monzó, a lectura non deixou indiferente a ninguén. O libro está composto por relatos, de diversa índole temática. Rebosa un humor absurdo, mordaz e sarcástico que unido á tendencia a presentar xiros inesperados nas historias, ás veces poden sorprender ou provocar certa incompresión. 
Hai temas que se repiten como a soidade, o paso do tempo, a vellez e a necesidade de atopar un apoio na vida. 


Mil cretinos está estruturado de tal xeito que a súa lectura é doada aínda que as situacións esperpénticas non sempre foron do agrado de todos os membros do club. De aí que se orixinara un debate interesante na súa contorna, por exemplo o modo de rematar as historias impresionou a uns e decepcionou a outros.
O autor catalán demostra co seu estilo conciso e preciso, un excelente dominio da linguaxe.

Sarou de Ramón Caride Ogando é a seguinte lectura sobre a que imos debatir na próxima reunión que adiantamos por mor das festas navideñas ao 17 de decembro.

martes, 1 de decembro de 2015

Adeus a Xosé Neira Vilas e a Xosé Chao Rego


A semana pasada morreron os escritores galegos Xosé Neira Vilas e Xosé Chao Rego.
Homes, cada un ao seu xeito, comprometidos co seu tempo, a súa terra e coa lingua galega. A Biblioteca Pública de Caldas de Reis pon á vosa disposición algunhas das súas obras.
Esta é a nosa homenaxe!

martes, 24 de novembro de 2015

25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero

A Biblioteca Pública Municipal "P. M. Martínez Ferro"  presenta unha pequena mostra bibliográfica con material  onde a muller é  protagonista.   

Novela, CÓMIC, poesía, ensaio, BIOGRAFÍAS...

Atoparás  un amplo abano de temas: violencia de xénero, historia do feminismo, a maternidade, conciliación de vida familiar e laboral, situación da muller hoxe en día en Galicia, etc.

Guía bibliográfica

mércores, 11 de novembro de 2015

NOVIDADES DE NOVEMBRO



Este é un pequeno mosaico das novidades do mes de novembro. Podedes atopar unha ampla variedade de xéneros e temas.

Libros para pais "Cómo hablar para que sus hijos le escuchen y escuchar para que sus hijos le hablen"

Materiais para educadores "Coaching educativo: las emociones al servicio del aprendizaje".

Premios como o último Planeta, "Hombres desnudos" de Alicia Giménez Bartlett ou unha das obras da recente e descoñecida  premio Nobel, Svetlana Alexievich, "Voces de Chernóbil"
Por suposto, non nos olvidamos de Ledicia Costas coa súa obra "Escarlatina, a cociñeira defunta" que foi galardoada co Premio Nacional de Literatura Infantil e da que aseguramos vai estimular o noso apetito. 

E se eres dos que busca aventura con maiúsculas "El regreso del Catón" xa está nos andeis da biblioteca.

martes, 3 de novembro de 2015

CONTOS DE MEDO

O venres tivo lugar unha SESIÓN DE CONTOS DE MEDO para nenos seguida dun obradoiro para decorar o espazo acorde coas datas : Noite de defuntos, Samaín, Halloween...

Cris nun momento do conto coa vela e o esqueleto ao fondo...
Bruxas e vampiros fixeron das súas pola biblioteca provocando algún que outro susto pero nada que non superaran estes rapaces tan valentes.


CLUB DE LECTURA

Onte tivo lugar a inauguración da nova tempada do club de lectura da bibliteca de Caldas e Chirbes foi o seu protagonista. A mellor maneira de homenaxear a un escritor é coa lectura da súa obra e nesta ocasión En la orilla foi a escollida.




Non puidemos empezar de mellor maneira xa que o debate foi intenso, como vén sendo habitual cando unha obra gusta moito a unhas persoas e a outras nada, sendo incluso incapaces de acabala.
 A pesar das primeiras liñas do libro, non estamos ante unha lectura entretida nin de misterio. En la orilla non deixa indiferente a ninguén; ou che resulta apaixonante ou sentes que non podes con ela.
 É moi difícil enumerar os temas que trata a obra pois son tantos que non rematariamos máis. Realizando un esforzo de síntese diríamos que trata da desolación e miseria do ser humano como ente individual e social. Ofrece unha visión crúa da realidade de modo que a súa lectura non é doada e o xeito de presentala, cun longo monólogo interior, reforza a intensidade da mensaxe. Non hai descanso na súa lectura, chegando a ser asfixiante. Non hai humor nin unha descrición onde o lector se poida tomar un respiro, ante as continuas reflexións que provocan malestar e tristeza.
Repetimos que non é unha lectura doada pero é completamente necesaria, se te atreves con ela.


Quim Monzó e Mil cretinos agardan por nós neste mes de novembro.




mércores, 28 de outubro de 2015

Quen dixo medo?

Non esquezas visitar a biblioteca estos días. Á entrada do centro temos unha pequena exposición con algún dos títulos e autores máis coñecidos da literatura de terror.
Prometemos emocións fortes...


martes, 27 de outubro de 2015

24 de outubro, Día da Biblioteca

O sábado 24 de outubro, Día da Biblioteca, tivo lugar un obradoiro de narración oral e lectura de viva voz impartido por Charo Pita.   


Unha EXPERIENCIA que soubo a pouco.

xoves, 22 de outubro de 2015

QUEN DIXO MEDO?


Estámonos achegando ao SAMAÍN e as portas entre os dous mundos, o dos vivos e o dos mortos, están a piques de abrirse...
Para que non vos colla de sorpresa preparamos unha exposición e guía de lectura terroríficas con títulos que provocarán arrepíos en maiores e pequenos.
Por suposto que non están todos os que son, pero aseguramos que si son todos os que están...


venres, 9 de outubro de 2015

APRENDENDO A CONTAR HISTORIAS

                                                          


    Está en marcha a actividade Ti tamén contas e que mellor comezo que Charo Pita imparta un obradoiro para aprender a contar historias e ler contos de viva voz.

ANÍMATE!!

martes, 6 de outubro de 2015

Novidades de outubro

Achégate e descubre as novas incorporacións ao fondo da túa biblioteca!

 Intriga e misterio, vidas de película, terror, cómic...





 

xoves, 1 de outubro de 2015

"A Biblioteca viaxeira" ponse en marcha



   Os centros escolares xa empezaron a levar as súas maletas e mochilas cargadas de materiais dirixidos os nenos e nenas máis pequenos. 
É un pracer contar co entusiasmo do profesorado de Educación Infantil que este ano están visitando a Biblioteca Municipal para facer unha selección máis adaptada ás súas necesidades. 

As que aparecen na fotografía saían para as Escolas de Educación Infantil de Carracedo, Saiar, Godos e Sto. André de César e para o CEIP San Clemente.

BOA VIAXE!

mércores, 23 de setembro de 2015

Anímate a contar na Biblioteca!



Gústache contar contos aos máis pequenos? 

Sabes da importancia da oralidade na formación dos rapaces?

A Biblioteca Municipal inicia a actividade Ti tamén contas onde os adultos protagonizarán sesións de contos para nen@s na biblioteca. 
Os maiores contarán contos e os peques escoitarán. 
Os maiores gozarán e os peques pasmarán

Sen dúbida será unha actividade fermosa para todos os participantes. Pretendemos formar un grupo de pais, nais, avós, avoas, tíos e tías... En definitiva, calquera persoa que esté disposta a embarcarse no marabilloso mundo das contadas ao tempo que participa nunha nova experiencia. 
Faremos grupos de traballo e  o persoal da biblioteca vos axudará na busca daqueles libros que sexan máis adecuados, dos títulos que máis gustan, practicaremos a narración do conto, ensaiaremos e crearemos nalgúns casos material de apoio para a sesións.


Achégate á charla informativa o día 3 de outubro e non te perdas o obradoiro da excepcional Charo Pita!!


xoves, 17 de setembro de 2015

O Club de Lectura inicia unha nova temporada

 
 
   Ainda que deixamos a infancia fai un tempo setembro é un mes para iniciar ou retomar actividades habituais e na Biblioteca Municipal  este costume tamén se cumpre.

   Os integrantes do club de lectura xa poden pasar polo centro a recoller o seu exemplar da obra En la orilla de Rafael Chirbes. Se estás interesado en participar hai prazas libres. Achégate canto antes!

   A primeira reunión para falar do libro terá lugar o derradeiro xoves de outubro ás 20.30h. 




luns, 17 de agosto de 2015

Rafael Chirbes na biblioteca

O sábado 15 de agosto morreu o escritor e crítico literario Rafael Chirbes autor de obras tan recoñecidas e premiadas como "Crematorio" ou "En la orilla".
Se ainda non o coñeces e queres unha visión certeira da realidade do noso país nos últimos anos achégate ata a biblioteca para descubrilo.



xoves, 13 de agosto de 2015

Viñetas... tamén en Caldas

Xa saberedes que na biblioteca de Caldas temos un centro de interese adicado ao cómic, banda deseñada, novela gráfica.... como lle queirades chamar. Nós decatámonos por "Cómics para adultos"

Neste días en A Coruña, celébrase o salón do cómic "Viñetas desde o atlántico". Ademais de animarvos a gozar dela (apurade que remata o día 16!) aproveitamos a ocasión para lembrarvos que algúns dos artistas invitados teñen unha pequena representación na nosa biblio.

 Deste xeito e a modo de exemplo, de Ana Miralles atoparedes Djinn,

 
  de Alfonso Zapico, Café Budapest,
 

 


 
  
e de David Rubín, El circo del desaliento o El héroe
 
 Non están todos pero é que tendes que vir para descubrir as sorpresas do noso centro de interese "comiquero" .


 

  Animádevos a visitar viñetas... 

as coruñesas e as caldenses!!

mércores, 12 de agosto de 2015

II Día das galegas nas letras

O vindeiro sábado día 15 de agosto en Pontevedra, no Parque dos Garfos, vaise homenaxear á escritora María Victoria Moreno, a quen se lle adica o II Día das galegas nas letras, iniciativa da plataforma de crítica literaria "A Sega".

Con tal motivo, ademais de darlle os parabéns á organización por matinar nun evento tan interesante como necesario e polo seu esforzo por potenciar a visibilidade das mulleres dentro do mundo das letras galegas, queremos desde este blogue, lembrar e recomendar a obra desta escritora.
Poderiamos destacar moitos aspectos da súa personalidade e da súa obra pero quedarémonos coa súa reinvidicación (que tamén é a nosa) da importancia da literatura infantil e xuvenil.
Algunhas das súas obras máis destacadas como ¿Un cachiño de bica? ou Leonardo e os fontaneiros, a súa preferida, ou Anagnórise, unha das obras con máis éxito da literatura xuvenil galega están a esperar por vós na biblio.
Non perdades a oportunidade de achegarvos a elas, ben para recordalas ou para coñecelas.
Deixámosvos o enlace onde teredes máis información http://www.asega-critica.net/





martes, 21 de xullo de 2015

Os bolechas na máquina do tempo


O domingo día 19, máis de cen persoas acudiron ao auditorio de Caldas para gozar do espectáculo dos bolechas titulado "Os bolechas na máquina do tempo". Tratouse dunha función de monicreques manipulados por actores á vista que levou aos espectadores, rapaces e maiores, a experimentar unha aventura a través do tempo.


 
 A ilusión e alegría dos pequenos por ver a Carlos, Pili e ao resto dos irmáns bolechas, incluido Chispa, na compaña da atolondradada e excéntrica científica Apolodora, contaxiou aos máis maiores.

 

Esta actividade pertence ao programa de dinamización lingüística da Xunta de Galicia, Fala Redes, e ten continuidade a través de internet pero para iso hai que saber a palabra clave que nos dixeron os bolechas... lémbrala?



mércores, 15 de xullo de 2015

A BIBLIOTECA NO MERCADO


O luns 13 de xullo a biblioteca fixo a súa saida anual ó mercado. Foi unha experiencia moi gratificante. Imos cargados de material librario e audiovisuais: novidades, fondo infantil, publicacións periódicas. Proporcionamos información sobre os servizos, fondos e actividades establecendo así un contacto máis informal coa veciñanza. 

Outro modo de facer máis visible a biblioteca.

Tivemos como veciños ó alumnado do Centro Ocupacional de O Saiar que nos axudaron a montar e recoller.

Pasamos un pouco de calor pero como sempre foi moi divertido!!!

xoves, 9 de xullo de 2015

Os Bolechas en Caldas de Reis


Desde a Biblioteca Municipal animámosvos a asistir a unha actividade que terá como protagonistas aos personaxes dos Bolechas.

  • Domingo 19 de xullo ás 12.00h
  • Auditorio Municipal
  • Entrada libre e gratuita

venres, 3 de xullo de 2015

LECTURAS DE VERÁN

Chegadas estas datas desde a biblioteca facemos unha ampla selección de títulos que fagan máis levadeiras as altas temperaturas.



Incluimos as novidades do mes de xullo pero tampouco faltan títulos que xa eran parte do fondo e que traerán aventuras, amor ou misterio ós longos días estivais.


 
Clásicos, best sellers, ensaio, guías de viaxes.... Todo pode caber na nosa mochila!
PARA CADA LECTOR O SEU LIBRO!

Mergúllete na lectura!
Prepara a túa escapada!

                        

xoves, 18 de xuño de 2015

PARABÉNS A PEDRO FEIJOO!

O 16 de xuño fallouse a XXI edición do Premio Arcebispo Juan de San Clemente do IES Rosalía de Castro e na categoria de novela en lingua galega gañou "A memoria da choiva" do escritor Pedro Feijoo.  


Ala polo mes de marzo Pedro visitounos e foi un pracer compartir con el unha reunión do club de lectura para comentar esta mesma obra. Falamos sobre as impresións que causou a súa lectura , así como dos descubrimentos que fixemos sobre o mundo de Rosalía de Castro, do laborioso traballo de investigación que precisou para facer a novela...

Moitas grazas polo teu tempo e noraboa polo premio!


luns, 15 de xuño de 2015

Soñei que era unha árbore

A Biblioteca Pública Municipal remata a súa tempada de actividades e como ven sendo habitual a sesión de peche é para os máis pequenos da casa.


O venres 12 de xuño tivo lugar unha actividade para bebés. Fíxose no Auditorio Municipal e asistiron unha veintena de nenos acompañados dos seus pais.  Para algúns deles era o seu primeiro contacontos.


Fran Buceta e Marta Faílde, os integrantes de Avoa Youja, fixeron un espectáculo visualmente moi atractivo, onde a música e os obxectos foron elementos claves na creación dunha atmosfera moi especial dirixida a estimular os seus sentidos e imaxinación.
 
Iago e Martín, dous dos máis pequenos, disfrutando coas súas nais