martes, 28 de febreiro de 2023

Club de lectura

 Nas reunións do club de lectura do mes de febreiro, comentamos o libro de relatos de Charo Pita "Retratos en branco e negro" publicado por Galaxia. 

O libro está estruturado en dúas partes; a primeira leva como título "Retratos" e a segunda "En branco e negro"

Pola primeira parte van desfilando personaxes cunhas historias que oscilan entre o fantasmal e o cotiá, entre a fantasía e a verosimilitude, narradas cunha linguaxe precisa e poética. Personaxes e historias se interrelacionan entre si, ás veces de modo contundente e outras só cun trazo, de tal modo que case parece un xogo con quen está ler. Todos os relatos están protagonizados por mulleres de diferentes idades e con distintas motivacións para a vida. Nesta parte imos atopar moitas referencias a elementos da mitoloxía galega, e aos contos clásicos tradicionais.

Na segunda parte destaca o relato "Leopardas" onde dúas mulleres inglesas e de gran calado histórico, a exploradora Mary Henrietta Kingsley e a sufraxista Emily Wilding Davison son as protagonistas. 

En xeral, é un libro que gustou pola súa amena lectura e polos fíos que van unindo ás distintas protagonistas. O próximo 17 de marzo virá a autora a presentar esta obra súa e seguro que nos desvelará máis detalles interesantes. 



A seguinte lectura é "Kitchen" da xaponesa Banana Yoshimoto.


venres, 24 de febreiro de 2023

Novidades

    Achégase marzo e ven cargado de novidades. Xa sabedes que a nosa intención é que atopedes o voso libro e polo tanto hai para grandes e pequenos, de ficción e coñecemento...un pouco de todo e para todos!

Historias sorprendentes e libros para xogar e aprender, para nenos e nenas curiosos.




Novelas premiadas, lecturas máxicas, libros que cuestionan todo o que coñecemos...


Informarnos, aprender, asomarnos a outras visións do mundo diferentes ás nosas.


Podes ver o listado completo das novidades no seguinte enlace:

sábado, 4 de febreiro de 2023

Club de lectura

 Arraianos é un conxunto de dez relatos ambientados na Raia, entre Galicia e Portugal, onde o seu autor, Méndez Ferrín, demostra a súa mestría no realismo máxico. Esta foi a lectura escollida polo club de lectura para ser comentada nas reunións de xaneiro. O mundo fantasmal e máxico xunto coa prosa tan persoal como rica, dificultou a comprensión dalgúns dos contos pero outros, aqueles que estaban máis relacionados coa mitoloxía galega, como as meigas ou o mal de ollo, gustaron máis. 

En calquera caso, foi unha interesante aventura, a de sumerxirnos no ambiente arraiano, saber máis do Couto Mixto, ou viaxar no tempo, xa que hai contos ambientados na primeira guerra carlista e outros na guerra civil. 

 


Volveremos ao mundo dos contos breves, desta volta con Charo Pita e Retratos en branco e negro, que será comentado nas xuntanzas de febreiro.