mércores, 29 de xuño de 2022

A nena que podía falar cos animais

 

Xeila é unha nena que ten unha habilidade sorprendente: pode falar cos animais! Grazas a ela soubemos o motivo polo que os coellos teñen as ourellas longas ou porque a raposa e o lobo nunca van xuntos. Sempre é un pracer recordar fábulas e contos tradicionais galegos.
Nerea Brey foi a encargada de desenvolver este espectáculo "A nena que podía falar cos animais" que gustou moito tanto aos nenos e as nenas coma
as súas familias.

Foi o 23 de xuño, recén finalizado o curso escolar; unha estupenda maneira de celebralo!


 Esta actividade foi cofinanciada co programa da Xunta de Galicia, Ler Conta Moito.

A biblioteca que viaxaba no tempo

Dentro das actividades da biblioteca procuramos ter unha especialmente pensada para os bebés e as súas familias. 

A tarde do venres 17 de xuño, visitounos  Olga Abad co seu espectáculo "A biblioteca que viaxaba no tempo". Olga veu acompañada de dúas maletas e nunha delas apareceu unha balea e coa súa axuda, contounos moitas historias nas que as familias participaron entusiasmadas.


Esta actividade foi cofinanciada co programa Ler Conta Moito da Xunta de Galicia.

 

mércores, 15 de xuño de 2022

Sesión de contos para bebés


Os máis pequenos das casas serán os protagonistas da próxima sesión de contos da biblioteca. O venres día 17 de xuño estará con nós Olga Abad e o seu espectáculo "A biblioteca que viaxaba no tempo" pensado para nenas e nenos de entre 6 meses e 3 anos e as súas familias. 

 

 


 

 Seguro que o pasamos xenial!

Actividade cofinanciada co programa "Ler Conta Moito"

Contamaxias. Maxia divertida co Mago Paco

 

A pesar da calor da tarde do venres 10 de xuño, a biblioteca estivo chea de nenas e de nenos coas súas familias para gozar co espectáculo "Contamaxias" do Mago Paco.

Houbo, loxicamente, moita maxia pero tamén moitos contos e moitas risas. O Mago Paco recordou a importancia da imaxinación que medra coa lectura. 


Esta actividade foi cofinanciada co programa "Ler Conta Moito"




luns, 6 de xuño de 2022

Obradoiro de cartón

 

O venres día 3 de xuño empezamos o ciclo de actividades "En xuño ler conta moito" cun obradoiro de cartón a cargo de Ton Arenas de Mircomina Teatro. Vinte eran as prazas dispoñibles e todas se ocuparon con nenas e nenos con moita creatividade. 

A actividade gustou moito e cada quen fixo a súa propia obra, un títere personalizado ao seu gusto co que poder xogar na casa.  

Esta actividade está confinanciada entre o concello e o programa da Xunta, Ler Conta Moito.