sábado, 27 de abril de 2019

Filipa cos contos con Bandullo azul


Este venres de conto na biblioteca de Caldas de Reis tiña que ser especial, xa que estamos na semana do libro. E debeu ser por iso polo que o espazo de conto case se quedou pequeno pola gran asistencia de público. 
  

Por iso veunos visitar, Fran Campos da compañía de teatro Bandullo Azul. Pero Fran Campos non veu só, xa que trouxo a  súa guitarra.












 












 E a súa grande amiga e gran contadora de historias, Filipa. De feito, este espectáculo titúlase "Filipa cos contos" e vaia se filipamos.


 E así foi como fixo que a biblioteca enteira cantara e disfrutara dos contos. Houbo de todo, contos encadenados, de “miedito” (que son contos que dan medo e risa),  de lobos…












 











 
Rematou co seu famoso himno “Ypoqué?!” que cantamos todos, pequenos e maiores na biblioteca. E ainda debe escoitarse en moitas casas...



Foi un verdadeiro espectáculo para gozar en familia.


  
E ao finalizar houbo momentos para fotografiarse con Filipa que estivo moi solicitada.
 
 

 

Moitas grazas Fran e Filipa! 

Pasámolo moi, moi ben. 







Club de Lectura

O último xoves deste mes de abril houbo reunión do club de lectura da biblioteca de Caldas de Reis. Nesta ocasión houbo que desafíar o mal tempo pero a xuntanza produciuse e foi moi agradable. 
Falamos ao redor das nosas sensacións ao ler La insólita pasión del vendedor de lencería da escritora xaponesa Asako Hiruta.
A maioría dos comentarios respecto a súa lectura eran halagadores. Houbo manifestación moi emotivas respecto á súa lectura. 



 A todas nos pareceu unha lectura amena e con momentos divertidos. Acompañando ás peripecias da protagonista principal, Satsuko, aparecen personaxes e historias secundarias moi interesantes. 
Aí, neste aspecto, houbo discrepancias pois houbo quen comentou que lle parecían demasiado forzadas.


A maioría recoñeceu que sería unha lectura que recomendarían, de feito xa houbo quen o fixo! 
 



Nesta reunión só había mulleres e como no libro a lencería case que é unha protagonista máis, acabamos recoñecendo a importancia dunha boa roupa interior. 
Só nos falta atopar un vendedor tan especial como o da novela. Se alguén sabe dalgún que se poña en contacto con nós, por favor!😊

Mentras esperamos iremos lendo a Mark Twain e os contos humorísticos aínda que pola portada debe ser de humor negro. Xa vos contaremos na seguinte reunión. 





Día do Libro


A Biblioteca Pública Municipal “P. M. Martínez Ferro” celebrou o Día do Libro, o martes 23 de abril, da mellor maneira posible. Enchendo a biblioteca de contos e de xente con ganas de escoitalos. 
A contadora foi a narradora oral lucense, Fátima Fernández e os invitados os usuarios e usuarias  do Centro Ocupacional O Saiar que para unha mellor organización se dividiron en dous grupos, empezando ás 10.30h da mañá.


 Pero ao ser unha sesión aberta, todas as persoas que visitaron a biblioteca caldense poideron deleitarse cos seus contos. 



Príncipes e princesas, circos fantásticos, animais famentos, adiviñas e máis fixeron que os asistentes á actividade festexaran o 23 de abril da mellor forma posible, disfrutando da palabra e das historias que hai nos libros e que Fátima, como outras tantos veces, nos trouxo.



Vivan os contos e viva o día do libro!

Vivan os contos e os libros os 365 días do ano!






martes, 16 de abril de 2019

Horario Semana Santa


HORARIO SEMANA SANTA


A Biblioteca Pública Municipal permanecerá pechada desde o xoves 18 ao domingo 21 de abril.

Grazas


luns, 8 de abril de 2019

Un oqo para a sopa


O pasado venres 5 de abril pola tarde tivemos unha mestura de contada e obradoiro titulada "Un oqo para a sopa" de OQO editora.




Contos, propostas artísticas e música déronse a man e durante hora e media uns vinte nenos e nenas acompañados dos seus pais escoitaron como se fai unha sopa moi especial onde a amizade e a colaboración entre todos foron primordiais para facer un prato que nos dou forza e calor nun día de frío.



Posteriormente, entre todos, preparamos unha sopa moi nutritiva que despois foi repartida entre os asistentes.
 












Grazas pola visita rapaces!

sábado, 6 de abril de 2019

A historia en feminino

O martes 2 de abril celébrase en todo o mundo o Día Internacional do Libro Infantil para conmemorar o nacemento de Hans Christian Andersen e a biblioteca municipal quixo, como é habitual, participar da festa e contar cunha actividade dirixida a un público moi especial, os nenos e nenas do CRA do Concello de Caldas de Reis.


O alumnado das escolas unitarias de Saiar, Godos, Santo André e Carracedo achegáronse ata a biblioteca municipal e participaron dunha actividade lúdico-didáctica da man de Ana Hermida de Lisístrata Asociación Cultural titulada "A historia en feminino" coa que coñecemos a mulleres destacadas na historia en diferentes campos.

Grazas pola visita!

Club de lectura



A reunión do mes de marzo xirou en torno á lectura de Cemiterio de elefantes de Fran Alonso que foi de todo menos aburrida. Empezou cun ton baixo pero fomos tirando dos distintos fíos, das distintas historias e de case todas tiñamos unha pegada, un comentario que facer.
A da muller que vai á farmacia de garda sen receita médica, un camareiro que está a piques de pechar o pub, unha locutora de radio en crise facendo un programa de madrugada...





Personaxes variados, historias que se entrecruzan, e todas cun elemento común, a noite.
Gustou entre os asistentes á reunión que a historia estivera localizada en Vigo, a peculiar estrutura da novela e o cinematográfica que lles parecía.









A vindeira reunión terá como protagonista á obra xaponesa "La insólita pasión del vendedor de lencería" de Asako Hiruta.

luns, 1 de abril de 2019

Paula Carballeira Cabana

O 20 de marzo é o día da Narración Oral e desde a biblioteca tamén o queremos celebrar. En realidade, celebrámolo todo o ano pois as sesións de contos son frecuentes pero en marzo sempre hai unha especial pois é para público adulto.  Queremos así lembrar que os contos non saben de idade.
Nesta ocasión tivemos a sorte de contar con Paula Carballeira Cabana, unha das mellores narradoras e de recoñecido prestixio internacional. Veu o venres día 30 co seu espectáculo "Os contos que me contan".

Paula contounos contos que nos levaron a ver califas, chineses, barqueiros, mortos, vellas sabias...

As cadeiras quedaron todas ocupadas pola xente que seguía atenta, gozando dunha verdadeira sesión de narración oral.

Grazas a súa arte da palabra contada rimos, sentimos medo, recordamos.. en fin que nos emocionamos de mil maneiras. Ata nos fixo cantar!
Foi un espectáculo que nos deixou moi bo sabor de boca e... de ourella!
Xa a botamos de menos.
Desexando volver a escoitala.
Desexando volver a emocionarnos.

Grazas Paula polo teu bo narrar!