luns, 30 de abril de 2018

Adivíñame este conto!

O último Venres de Conto do mes de abril levou como título "Adivíñame este conto!" e sobre adiviñas foi o conto, obviamente.
Mais os destinatarios delas non só foron os rapaces que xa están a converterse nos habituais dos Venres de Conto. Tamén houbo adiviñas para as mamás e os papás que os acompañaban. Nin dicir ten que os peques foron máis rápidos. Será que as novas xeracións son de mente máis áxil ou que as adiviñas para os maiores eran moi, moi difíciles. O caso é que botamos unhas boas risas.
Entre adiviña e adiviña houbo espazo para un par de contos que sorprenderon a peques e maiores. 


E despois de escoitar contos e quentar os miolos pensando na solución das adiviñas, tocou traballar! Nesta ocasión realizamos unha tarxeta-adiviña moi completa. Tiña o texto da adiviña, o debuxo da solución e a solapa que a tapaba. Todo elo realizado polos propios rapaces que demostraron unha vez máis a súa creatividade. Esperemos que lle sirva de modelo para facer moitas máis.



Ata pronto, rapaces!





sábado, 28 de abril de 2018

Venres de conto: A galiña dos ovos de conto

Anímate! É preciso inscrición previa.

Club de lectura de abril

Nesta ocasión a opinión foi case unánime entre os participantes do club. A obra da que tratamos o xoves 26 de abril "La extraña desaparición de Esme Lennox" de Maggie O'Farrell gustou e moito. 


Esta novela de intriga onde a traición e a represión social eran os temas principias mantuvo o interese dos integrantes do club de lectura ata o final.


A estructura con varios tempos narrativos e diferentes voces facía da historia un enorme quebracabezas onde cada un foi encaixando as pezas para darlle a forma final...e que final!
 
O seguinte título a comentar para o último xoves de maio é "El cielo es azul, la tierra blanca: una historia de amor" de Hiromi Kawakami.


mércores, 25 de abril de 2018

Día do libro na Biblioteca

O 23 de abril é o día do Libro e con tal motivo armouse unha boa festa na biblioteca grazas a Juan Juste, Juste Kamishibai e o seu espectáculo As historias do kamishibai. O kamishibai é un teatro de papel de orixe xaponesa e Juan Juste é un verdadeiro experto na materia, como o demostrou ao deixarnos abraiados a todos, rapaces e maiores.



Foi un espectáculo moi interactivo e divertido pero tamén tivo trazas de pedagoxía xa que aprendimos moitas cousas, como a pronunciar correctamente o nome de Kamishibai, a súa orixe, quen era o gaito kamishibai (o contador de historias)...
Ata houbo espazo para instrumentos artesanais feitos polo propio artista!



Tamén houbo ocasión para contos usando a técnica emaki que é un teatro lumínico da tradición xaponesa, a partir de pergamiños ilustrados.
Como espectáculo interactivo, Juan Kamishibai buscou voluntarios que accederon gustosos.

Foi unha xornada fantástica que rematou con confeti, como debe ser, xa que era unha festa, e agasallounos cuns marcadores moi divertidos para acompañarnos nas nosas lecturas.


Ata outra e feliz día do libro!



sábado, 21 de abril de 2018

Menos lobos!


O venres día 20 realizouse o terceiro Venres de conto. Nesta ocasión levou o título de Menos Lobos! e polo tanto, houbo moitos lobos na biblio de Caldas. 



 Houbo lobos presumidos, guapos, fachendosos ... e claro está, algún lobo malo, malísimo que fixo escachar á risa a rapaces e maiores. 



Os rapaces seguiron atentamente a lectura dramatizada dos contos.




 De cando en vez, Rosa mostráballe algunha das ilustracións dos libros.


E despois dos contos, a traballar!! Fixeron a súa propia careta de lobo.






 E ben chulas que lles quedaron!! Cánto se divertiron facéndoas e posando con elas.

Ata a próxima, rapaces!

luns, 16 de abril de 2018

Amores de conto

A tarde do venres pasado houbo conto e obradoiro na biblioteca.



Todos moi atentos no tempo do conto.






Mostramos un feixe de contos onde o amor era o protagonista.









"Adivina cuanto te quiero", "Amores de gato e rato" ou "A voda dos ratos" foron tres dos contos que lemos e con tanto rato como protagonista rematamos facendo un con material de refugallo.


A manualidade costou un pouquiño pero grazas ao esforzo dos nenos e nenas e a axuda das nais os nosos ratiños e ratiñas quedaron moi ben.



Aquí vemos o resultado!!!

O vindeiro día 20 terá lugar outra sesión máis de venres de conto. Esta vez a actividade leva o título de "Menos lobos!".
Ata outra rapaces!

luns, 9 de abril de 2018

Venres de conto: "De chibos, ogros e xigantes"



Os venres de conto do mes de abril empezaron o día 6 con gran éxito de afluencia. As prazas cubríronse para a actividade de "De chibos, ogros e xigantes"
 


A media tarde a biblioteca encheuse de rapazada que quería escoitar contos onde sairon todos estos personaxes que tanto encantan a maiores e a pequenos.
 


 
Entre momentos de intriga, de medo e de humor, os contos foron contados e logo pasamos a realizar unha pequena actividade manual onde os rapaces demostraron a súa creatividade creando a súa propia marioneta de chibo, chibón para seguir recordando na súas casas esa historia que lles gustou un montón.



Algunhas mamás a avoas quedaron cos seus peques a gozar todos xuntos; agradéceuse, unha vez máis, a súa colaboración.


Rematamos posando coas nosas creacións e aproveitamos para xogar un pouco coas voces dos Chibos, chibóns. De aí que teñamos esas caras tan divertidas!!





E colorín, colorado... ata o próximo venres de conto que será o venres día 13 ás 18.30 h e leva o título de Amores de conto!
Como calquera das actividades organizadas desde a biblioteca, é de balde mais é preciso inscribirse. O prazo para facelo ábrese unha semana antes de cada actividade. Os vernes de contos sempre conxugarán o conto co obradoiro.