xoves, 20 de xaneiro de 2022

Día do usuario das bibliotecas: "préstamos sorpresa"

    O 11 de xaneiro é o día do usuario e da usuaria das bibliotecas e para celebralo, decidimos sorprender á nosa querida comunidade lectora cunha actividade que titulamos "préstamos sorpresa". Tal como indica o seu nome, preparamos 26 lotes compostos cada un deles por catro documentos (librarios e audiovisuais) escollidos pola súa alta calidade e de temática diversa. A actividade estaba dirixida a quen fixera uso do servizo de préstamo ese día.

Deste xeito cumprimos dous obxectivos: sorprender e mostrar parte do fondo da biblioteca. A recepción foi excepcional xa que desde primeira hora e durante toda a xornada, moitas persoas viñeron a polo seu lote de préstamo sorpresa. Tamén foron numerosas as persoas que sen coñecemento previo da actividade, quixeron participar neste xogo divertido.




Club de lectura

Hai rutinas que se converten en cárceres e relacións tóxicas que cortan as ás de quen quixera voar, ou sinxelamente vivir ao seu xeito. 

A violencia na relación sentimental é o eixe sobre o que xira a novela Formas de estar lejos de Edurne Portela publicada pola editorial Galaxia Gutenberg e que limos no mes de decembro. En maior ou menor medida, foi unha novela que nos gustou especialmente por como se trata un tema tan delicado como é o das relacións tóxicas. En relación a iso, Edurne Portela, demostra a visión das dúas partes, a do agresor e a da agredida. Revisita o concepto de "normalidade" e "naturalidade"; faltas de respeto que se desculpan por suceder en "momentos puntuais" e que "non se van volver a repetir" ata que se repiten e se intesifican. 

Nunha relación onde hai ciumes, envexa, crueldade, é dicir, onde hai violencia, sexa física ou verbal, non hai nin amor nin respeto. Educar no feminismo tanto aos homes coma as mulleres é unha idea que está presente na novela. Alicia, a protagonista, é unha profesora universitaria, con estudos e con independencia económica, pero parece non ser autónoma para vivir soa.

De xeito secundario pero importante aparecen tamén outras denuncias como a violencia racista ou a herdanza e influencia das familias de procedencia. 

Resumindo, estamos ante unha novela moi ben escrita cunha temática dura, real e necesaria. Esta obra forma parte do fondo da biblioteca.

A lectura para comentar os días 26 e 27 de xaneiro será Vestido de novia de Pierre Lemetre,