martes, 28 de febreiro de 2023

Club de lectura

 Nas reunións do club de lectura do mes de febreiro, comentamos o libro de relatos de Charo Pita "Retratos en branco e negro" publicado por Galaxia. 

O libro está estruturado en dúas partes; a primeira leva como título "Retratos" e a segunda "En branco e negro"

Pola primeira parte van desfilando personaxes cunhas historias que oscilan entre o fantasmal e o cotiá, entre a fantasía e a verosimilitude, narradas cunha linguaxe precisa e poética. Personaxes e historias se interrelacionan entre si, ás veces de modo contundente e outras só cun trazo, de tal modo que case parece un xogo con quen está ler. Todos os relatos están protagonizados por mulleres de diferentes idades e con distintas motivacións para a vida. Nesta parte imos atopar moitas referencias a elementos da mitoloxía galega, e aos contos clásicos tradicionais.

Na segunda parte destaca o relato "Leopardas" onde dúas mulleres inglesas e de gran calado histórico, a exploradora Mary Henrietta Kingsley e a sufraxista Emily Wilding Davison son as protagonistas. 

En xeral, é un libro que gustou pola súa amena lectura e polos fíos que van unindo ás distintas protagonistas. O próximo 17 de marzo virá a autora a presentar esta obra súa e seguro que nos desvelará máis detalles interesantes. 



A seguinte lectura é "Kitchen" da xaponesa Banana Yoshimoto.


Ningún comentario:

Publicar un comentario