luns, 28 de febreiro de 2022

Club de lectura

    A pasada semana, o mércores 23 e xoves 24 de febreiro, tivemos as reunións do club de lectura. A obra que comentamos foi "Volver a casa" da autora nada en Ghana e residente en Estados Unidos, Yaa Gyasi. . A narración desenvólvese na costa suroccidental de África,  a actual República de Ghana, e en Norteamérica, abarcando desde o século XVIII ata o presente. As historias de Effia e Esi, fillas da mesma nai pero de pais de etnias diferentes, e que nunca se chegaran a coñecer, son as que inician o relato que non deixa de ser un percorrido alterno das dúas ramas familiares, e onde en cada capítulo preséntase a historia dun novo membro de cada un dos liñaxes.

    Coa lectura seremos testemuñas do comercio de esclavos, das guerras tribais, do negocio do cacao, do papel dos misioneiros, da loita polos dereitos civís ou das drogas.

    A súa lectura deixou unha fonda pegada en todos os participantes do club en parte pola estrutura utilizada pola autora,  polo traballo histórico que hai detras ou por eses personaxes fortes que se rebelan e  pouco a pouco vanse liberando dun destino planificado por outros. Un dos acertos sinalados por varios participantes foi que a autora  non se recreou no drama e non plantexou unha historia de bos e malos. 

    O listón segue quedando alto de novo!

    A próxima obra que comentaremos a finais do mes de marzo é A vinganza do defunto de Carlos G. Reigosa.





Ningún comentario:

Publicar un comentario