A organización de actividades nunha biblioteca pública municipal, aporta unha pincelada extra de emoción e desacougo, especialmente cando a data acordada é un venres caluroso de verán, á hora de tomar viños. Esta reflexión xorde tras a presentación do libro Canciones para no escuchar de Ernesto Diéguez Casal, editado por La pajarita roja.
Sempre se intenta que os actos saian ben pero esta foi unha experiencia fantástica.
A súa foi unha das que non se olvidarán, repleta de xente e de emoción, e na que houbo moitas risas e manifestacións de cariño. O espazo encheuse con rapidez polo case medio centenar de persoas que acudiron, dende bebés a xubilados pasando por rapaces, adolescentes, compañeiros, amizades, veciños e familia do autor. E non era para menos, todos querían apoiar e acompañar a Ernesto Diéguez Casal, na presentación en sociedade da súa recén nacida criatura literaria, Canciones para no escuchar.
Ernesto é un mozo caldense quen coma moitos outros, tras formarse de xeito extraordinario en España, decide desenvolver a súa actividade fóra, na procura de mellores condicións. Neste caso, Ernesto decidiuse por Islandia, onde na acutalidade traballa como biólogo.
Nunca deixou de escribir, afición que desenvolve desde a adolescencia e na que ten un papel determinante a súa nai, quen escoitou orgullosa esta afirmación da boca do seu fillo e a quen está adicado o libro.
Canciones para no escuchar xira en torno ao desencanto dunha xeración sobre a que residían moitas espectativas e esperanzas que acabaron por converterse nunha lousa pesada nos seus ombros. E así se lles presenta unha realidade, ás veces hostil, na que se acaban instalando e usando os recursos máis diversos, tal como lle suceden aos protagonistas da novela.
O punto de arranque é unha despedida de solteiro, a do
primeiro amigo da pandilla que casa. Un festexo case banal que serve de
fío condutor para a presentación de personaxes resignados, sen esperanza, coa tristura e resignación de deixar de lado os seus soños, grises e
sombríos coma as súas vidas.
O desencanto vital convive con certas notas de humor, o pesimismo dalle a man a aventuras trepidantes.
Estamos ante unha novela de aprendizaxe, diante dunha viaxe iniciática, cara unha vida con sentido.
Pero...cal é o sentido da vida?
Esa pregunta que nunca vén soa, fai que a novela sexa atemporal e otórgalle rasgos universais, xa que todo aquel que sufriu de desarraigo vital vaise sentir identificado na novela.
Está escrita nun estilo conciso, sinxelo e áxil con moitas referencias literiarias, musicais e cinematográficas. O deseño da estrutura narrativa é moi acertado. Por todo iso, o resultado final é unha novela redonda cuxa lectura non deixará indiferente a ninguén.
O editor Carlos Tosca, aportou moitos detalles curiosos á tertulia e animou a rolda de preguntas que resultou moi interesante. Deste xeito enterámonos do periplo para decidir o título. O actual fai referencia a todas aqueles cancións que son importantes na nosa vida, aquelas que encollen o corazón pero aínda así, queremos seguir escoitándoas.
Moita cola houbo para que o autor firmase exemplares!
A coidada edición a cargo de La pajarita roja, destaca polo deseño fresco e atractivo; nótase o mimo do seu traballo.
Desde a biblioteca animámosvos, con orgullo e ímpetu, a ler a última novela publicada dun dos nosos usuarios máis queridos.
Canciones para no escuchar de Ernesto Diéguez Casal pertence aos fondos da biblio e e podedes levala en préstamo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario