mércores, 24 de agosto de 2022

Una temporada para silbar

O día 30 de xullo tivo lugar a última reunión do club de lectura da biblioteca desta tempada 2021-2022 e foi un encontro moi especial xa que había moito tempo que non nos xuntabamos tanto os do grupo do mércores como o do xoves e para celebralo a reunión tivo lugar fóra da biblio onde tivemos ocasión de brindar polo noso querido club. 

A lectura da que falamos foi Una temporada para silbar de Ivan Doig e publicada por Libros del Asteroide. É unha novela ambientada no rural de Montana a principios do século XX, onde unha familia formada por un viúvo e os seus tres fillos pequenos deciden recurrir aos servizos dunha ama de chaves, Rose, que chegará acompañada polo seu irmán Morris quen acabará exercendo de mestre nunha escola unitaria rural. 

Polo tanto, non é de estrañar que os temas destacados da novela sexan a familia, a educación, a amizade e o amor, tendo como fondo a descrición de fermosos paisaxes de Montana. Está moi ben escrito e traducido pero a historia resultou algo monótona para algunhas persoas do club pois "non pasaba nada". Só describe o pasar da vida, dun estilo de vida que xa nos queda moi lonxe na memoria pero ao que presta volver de cando en vez. A pesar diso foi unha lectura que a maioría das persoas gozou xa que deixa un bo sabor de boca.

 

 



 

Ningún comentario:

Publicar un comentario