mércores, 31 de outubro de 2018

Empezamos o club de lectura

O xoves 25 de outubro tivemos a primeira reunión do club de lectura deste curso. Pero antes de falar da obra lida, houbo tempo para valorar as nosas lecturas de verán. Houbo recomendacións moi interesantes!


Como interesante e intensa foi a lectura de Una madre de Alejandro Palomas. A historia dunha familia peculiar (hai algunha familia que non o sexa?!) coas súas sombras e luces que nos fixo reflexionar sobre as relacións que se establecen entre os seus integrantes e o decisivas que son nas nosas vidas.


Un nai cun carácter tan peculiar que parece que perdeu a razón pero cando estás segura de iso, sorprende cun acto que demostra intelixencia e lucidez. Uns irmáns que soportan o peso dunha mochila de pesares e desatinos que se deixan levar pola vida, cada un como mellor pode pero sempre coa nai de referencia e un pai na ausencia.


A pesar dos elementos tráxicos da historia, o humor está moi presente desde o principio. Moitas persoas do club riron a gargalladas e outras só sorriron pero é o que ten o humor que é moi peculiar.  A unhas gustoulles tanto que o releron pero para outras simplemente foi unha lectura máis. En calquera caso, é unha lectura recomendable. Niso houbo unanimidade!
Nesta primeira reunión tamén houbo presentacións pois hai persoas novas neste club noso, tan lonxevo. Todavía hai prazas libres; anímate!
Na seguinte xuntanza falaremos sobre Os nenos da varíola de María Solar.










Ningún comentario:

Publicar un comentario