A ira dos mansos de Manuel Esteban foi o Premio Xerais de Novela no ano 2016 e foi a obra escollida para pechar a tempada 2017-2018 do Club de Lectura da biblioteca de Caldas de Reis.
Como vén sendo habitual, ao finalizar levamos a última reunión fóra do
espazo bibliotecario e ante un viño, un refresco ou un auga (cada quen
ao seu gusto) comentamos a última lectura e realizamos un repaso xeral
de toda a tempada. E así de guapas posamos!
A ira dos mansos gustou a todos; a súa estructura, vocabulario e estilo facilitaba a lectura ao imprimir un estilo áxil e dinámico. É unha novela policial con moitas características clásicas. Así temos ao policía que dorme pouco e que está cansado, por iso e polo sistema. É un pouco cínico pero ten un gran corazón que palpita moi forte cando se atopa cunha muller guapa, sensible e intelixente que ten moito que ver na trama... e ata aquí podemos escribir! Que non imos seguir desvelando datos...
Só engadir que é unha novela negra repleta de descricións moi visuais que presenta unha novidade moi destacable. Hai dous sucesos que afectan a unha nena e a un adolescente con síndrome de Down e tirando dese fío o punto de vista social, de crítica e reflexión aportan orixinalidade á novela.
Todos os membros do club de lectura destacaron ese detalle que é moi importante xa que invita á reflexión, á superación de prexuízos e a cuestionarse, unha vez máis, que é a normalidade. Hai unha denuncia da hipocresía social da que todos somos partícipes en maior ou menor medida.
Un entretido libro para reflexionar.
Que máis se pode pedir?!
Que máis se pode pedir?!
Agradecido por escoller "A ira..." e alegre de que vos gustase.
ResponderEliminarUnha aperta a todos e todas!
Manuel Esteban