sábado, 26 de marzo de 2022
luns, 21 de marzo de 2022
Día da poesía e da árbore
O 21 de marzo celébrase o día da árbore e o da poesía. Desde a biblioteca quixemos recordarlles aos nosos usuarios e veciños esta data tan especial colgando 25 poemas de autores diversos, Benedetti, Gil de Biedma, Lupe Gómez ou Cabanillas entre outros, das ramas dos camelios que hai fronte á biblioteca, no paseo Román López.
Por outra banda e xa no interior do centro contamos cunha pequena mostra de obras que nos falan do simbolismo e tradicións dalgunhas árbores, das especies autóctonas de Galicia ou información sobre xardíns históricos da provincia de Pontevedra. Trátase dunha pequena selección para grandes e pequenos entre os que seguro atoparedes algo que sexa do voso interese.
Deixámosvos o listado aquí:
venres, 11 de marzo de 2022
Libros con moita arte
Hoxe abre as portas o Salón Internacional do Libro infantil e xuvenil de Pontevedra que nesta XXIII edición leva o título Con moita arte!. Numerosas actividades para nenos e familias terán lugar ata o vindeiro 27 de marzo e na biblioteca queremos aproveitar para mostrarvos algunhas das obras que temos onde a arte é a gran protagonista. Vaias ou non ata o Salón achégate á biblioteca e goza con calquera das obras que vos propoñemos. Para coñecer mellor os títulos do lote segue este enderezo:
xoves, 3 de marzo de 2022
Novidades na biblioteca
Este mes de marzo ven cargado de novidades. Achégate ata a biblioteca e bótalle un ollo, seguro que hai algo para ti!
Para os máis pequenos
...e para os que non son tanto.
Para adultos curiosos...
Unha chea de historias...
E o cómic que non falte!
O listado completo das novidades podesdes consultalo neste enlace:
luns, 28 de febreiro de 2022
Club de lectura
A pasada semana, o mércores 23 e xoves 24 de febreiro, tivemos as reunións do club de lectura. A obra que comentamos foi "Volver a casa" da autora nada en Ghana e residente en Estados Unidos, Yaa Gyasi. . A narración desenvólvese na costa suroccidental de África, a actual República de Ghana, e en Norteamérica, abarcando desde o século XVIII ata o presente. As historias de Effia e Esi, fillas da mesma nai pero de pais de etnias diferentes, e que nunca se chegaran a coñecer, son as que inician o relato que non deixa de ser un percorrido alterno das dúas ramas familiares, e onde en cada capítulo preséntase a historia dun novo membro de cada un dos liñaxes.
Coa lectura seremos testemuñas do comercio de esclavos, das guerras tribais, do negocio do cacao, do papel dos misioneiros, da loita polos dereitos civís ou das drogas.
A súa lectura deixou unha fonda pegada en todos os participantes do club en parte pola estrutura utilizada pola autora, polo traballo histórico que hai detras ou por eses personaxes fortes que se rebelan e pouco a pouco vanse liberando dun destino planificado por outros. Un dos acertos sinalados por varios participantes foi que a autora non se recreou no drama e non plantexou unha historia de bos e malos.
O listón segue quedando alto de novo!
A próxima obra que comentaremos a finais do mes de marzo é A vinganza do defunto de Carlos G. Reigosa.
xoves, 17 de febreiro de 2022
Club de lectura
A finais do mes pasado (26 e 27 de xaneiro) volvémonos a reunir para comentar a lectura do libro Vestido de novia do autor francés Pierre Lemaitre. Atendendo á opinión case unánime dos participandes do club a súa lectura foi fácil e moi entretida. Trátase dunha novela negra onde o autor presenta unha trama intrigante e orixinal e utilizando uns recursos moi acertados, como por exemplo xiros inesperados na narración, consegue manter ao lector alerta e enganchado á historia ata a última páxina..
Como puntos fracos houbo quen sinalou un final un pouco precipitado así como o surrealista do relato nalgunhas ocasións.
En calquera caso deixou moi bo sabor de boca e o listón quedou alto para a seguinte lectura e comentario da obra:
luns, 14 de febreiro de 2022
Coñece a túa biblioteca
Pouco a pouco as visitas escolares á biblioteca municipal durante este curso 2021/2022 van collendo forza. Comezamos alá en outubro, os días 26 e 27, cos nenos e nenas de 4º de primaria do CPI Plurilingüe Alfonso VII. Puxemos a mesa e ofrecémoslle un "menú de contos" moi completo e variado, cos seus primeiros e segundos pratos e por suposto non faltaron os postres!
O 25 de novembro viñeron os rapaces de infantil do CEIP Plurilingüe de San Clemente de César. Falámoslles dos servizos da biblioteca e das historias agochadas nos libros, contos de ratos e de lúas que fixeron pasar un momento inesquecible aos máis pequenos.
E para rematar e xa neste ano 2022, o 31 de xaneiro, os que fixeron unha parada foron os rapaces de 1º e 2º de Primaria do CEIP Plurilingüe de San Clemente de César que coñeceron de primeira man un feixe de historias e contos de... todo tipo de bechos!
Esperamos que nos vindeiros meses e ata finalizar o curso máis grupos escolares se acheguen ata o centro.