sábado, 9 de xuño de 2018

Maxia divertida 2.0

Onte pola tarde tivemos outro "Venres de conto" e a Biblioteca  Municipal de Caldas de Reis encheuse de nenos e nenas para ver a actividade "Maxia divertida 2.0". 


O Mago Paco presentounos unha morea de contos e historias a través de xogos e da maxia, que levaron á rapazada e tamén aos maiores a descubrir a “maxia divertida” que esconden os contos. 




Precisaba da axuda dos nenos e nenas que como Ángela pasaron diversas probas con moito éxito.







 Ou este grupo de nenos que tiveron que beber pocións máxicas para darlle cor aos libros...


 
 Sopraron con moooita forza....


E funcionou! o libro xa tiña cores!





 Deixounos abraiados!











Desta volta, este peculiar personaxe, argallou novas maxias engadindo a risa como elemento principal para sorprender o seu público.




Sabela fixo o máis difícil...poñer un ovo!





Contou coa axuda de Mateo e de Pedro...uns paviños moi rechulos!






A expectación era máxima!







 Unha proposta pouco convencional para traballar os contos, pero moi, moi divertida!


venres, 8 de xuño de 2018

Coñece a túa biblioteca

Un grupo de 25 nenos e nenas de Infantil do CEIP Amor Ruibal de Barro estiveron hoxe de visita na biblioteca de Caldas de Reis.


Coñeceron a biblioteca, os servizos e pasárono en grande coas respostas ás distintas preguntas que nos fai a xente, por exemplo, a que sabe a lúa ou como se cociña un lobo!


luns, 4 de xuño de 2018

Historias sorprendentes para nenos e nenas diferentes



Historias sorprendentes para nenas e nenos diferentes foi o título da proposta de contacontos que o dramaturgo (con moitos premios acadados), profesor de teatro e  narrador oral  Ernesto Is trouxo á biblioteca de Caldas o venres día 1 de xuño.


Sabedor deses soños que todos temos, os que nos engaiolan durmindo ou espertos, Ernesto tirou do fío para que os rapaces coñeceran monstruos e dinosaurios-nenos, planetas afastados onde viaxar nun plis-plas,… En definitiva, situacións diferentes ao cotiá para nenas e nenos diferentes, xa que cada un é único e singular e iso é algo que hai que potenciar. 


A mensaxe da orixinalidade estivo presente en toda a sesión na que a rapazada participou dun xeito moi activo, rematando batendo as palmas e bailando porque os contos son festa!


Seguimos gozando con éxito dos venres de conto na biblioteca de Caldas como vén sendo habitual desde o mes de marzo. Ata outra rapaces!

Maxia divertida 2.0


El cielo es azul, la tierra blanca. Una historia de amor

El cielo es azul, la tierra blanca é un haikú que dá título ao último libro lido e comentado polo club de lectura. A súa autora é a xaponesa Hiromi Kawakami.
Esta novela que gañou en 2001 o Premio Tanizaki e que xa conta cunha adaptación cinematográfica é unha historia de amor que quebra moldes.
Xa sabemos que vai dunha historia de amor pois apúntase desde a portada pero a súa evolución mésturase co cotiá e a soidade e todo parece ser visto desde outro prisma.
A relación entre un anciá e unha muller moito máis nova é transmitida a través dunha prosa poética, tenra e de íntima beleza e profundidade.
O tópico da parella de diferente idade vai con outro tamén frecuente. El fora o profesor dela.
A pesar destes clichés, non temos a sensación de estar ante algo xa lido pois todo está escrito desde perspectiva novedosa.



Non hai accións marcadas o que provocou que a algunhas persoas do club de Caldas, lle resultase algo "plano".A maioría sentiu emoción e axudou á reflexión sobre certos sentimentos universais como é a soidade ou o amor.
A cultura xaponesa salpica as páxinas de xeito que sabemos do sake, de gastronomía, de haikús, de setas, de grilos e de cerdeiras en flor. Tal como algúns dos platos que se describen na novela, a súa lectura é un manxar distinto e exquisito.


O seguinte libro que comentaremos será A ira dos mansos de Manuel Esteban.