luns, 8 de febreiro de 2021

O Club de lectura na pandemia

Estes tempos non conxugan ben coas reunións do club de lectura e de novo, esta tempada non estamos tendo sesións presenciais aínda que as lecturas facíanse e mantiñamos o contacto a través do grupo de whatssap. Pero nestes momentos e coa biblioteca pechada desde o 27 de xaneiro ata o 17 de febreiro  o reparto, para a lectura e posta en común do libro do mes de febreiro, tívose que suspender ante a imposibilidade de realizar préstamos.

Aínda así queremos mostrar no blogue que este grupo de lectoras e lectores mantívose activo estes meses pero dunha maneira ben diferente ao que estamos acostumados.

 

Cando en marzo do 2020 decretouse o estado de alarma o confinamento colleunos coa obra Sol de inverno de Rosa Aneiros nas nosas casas e o grupo de whatssap que ten o club de lectura foi o medio onde puxemos en común as nosas opinións e pareceres. Unha historia tráxica pero tamén moi doce e poética, como apuntaba Alba. Ao que Estrella contrapoñía un "poético, pero un tanto pesado".


 

 

En outubro comezamos coa tempada 2020-2021 e a obra foi doutra autora galega Inma López Silva con Aqueles días en que eramos malas. Para Olalla tratábase dunha historia de amizade e redención, moi realista e humana. Houbo quen valorou positivamente que situara a historia en lugares coñecidos. Coma sempre as visións foron múltiples e entre todos as aportacións fomos enriquecendo as lecturas particulares.

 

 

A obra da que falamos en novembro foi La asambela de los muertos de Tomás Bárbulo. Entretido, cun final sorprendente pero que non entusiasmou aos nosos lectores do club.


 

 

 

No Nadal o título obxecto dos nosos comentarios no grupo de whatssap foi A Arte de trobar de Santiago Lopo. Como apuntaba Ángeles "Gustou, pero non saciou". En xeral, os comentarios foron positivos: ben escrito e documentado, unha xanela a unha época histórica moi rica e como apuntaba Carmen "é un bo pretexto para profundizar en moitos temas que hoxe parecen normais pero que se tardaron séculos en conquistar e outros que ainda perviven como a intransixencia con aqueles que non pensan coma nós"

 

 

A derradeira obra  que lemos no club de lectura foi Doña Flor y sus dos maridos do escritor brasileiro Jorge Amado da que tratamos no grupo a finais de xaneiro. Houbo unanimidade en que se trataba dunha lectura un tanto pesada, que precisaba dedicarlle tempo xa que as distintas historias que se mesturan na novela despistan un pouco. Libro con sentido do humor e no que apreciamos comportamentos en relación ó amor que foron cambiando, afortunadamente, nos últimos anos, tendo en conta que a literatura hai que estudala no seu contexto.

Non podemos máis que agradecer aos integrantes do club de lectura a súa participación nesta época complicada que nos tocou vivir.

Ningún comentario:

Publicar un comentario