xoves, 28 de febreiro de 2019
luns, 25 de febreiro de 2019
O segredo do tendal
O pasado venres 22 de febreiro pola tarde un grupo de 25 rapaces entre os catro e os doce anos acompañados dos seus pais disfrutaron da contada “ O segredo do tendal” que tivo lugar na biblioteca municipal a cargo da contadora Raquel Queizás.
Arredor dun tendal desgranáronse un feixe de
contos de xigantes e bruxas, con títeres e pantomima onde todos, grandes e
pequenos colaboramos nas historias.
Desde a biblioteca animamos ás familias a acudir a este tipo
de actividades xa que potencian a imaxinación dos nenos, traballan a
escoita, amplian o seu mundo e por suposto, e o máis importante, disfrutan moito
con elas.
sábado, 9 de febreiro de 2019
Pan e auga? Sopas!
Onte venres 8 de febreiro foi un día especial na biblioteca, cheo de contos e risas.
Da man de Xandobela que nos trouxo o seu proxecto de
animación á lectura “Pan e auga? Sopas!” coñecimos uns contos que nos fixeron
rir e emocionar aos pequenos e maiores.
Uns trinta rapaces se achegaron á
biblioteca para gozar cos contos, moitos deles, contos de sempre e despois de
escoitar, puxéronse a cociñar.
Cociñaron nada máis e nada menos cun rato
maravilloso! Seica estaba delicioso. E debía estalo pois todos sairon da
biblio dicindo que o ían volver cociñar na súa casa.
Foi unha tarde fantástica, entre contos e comida.
Que máis se pode pedir?
martes, 5 de febreiro de 2019
Club de lectura
O pasado xoves, o día 31 de xaneiro, algunhas persoas fomos valentes e
desafiamos o mal tempo e puxemos a nosa mellor cara para asistir á reunión do
club de lectura da biblioteca.
O libro que tiñamos para comentar era Benquerida catástrofe de Teresa
Moure, unha autora moi coñecida na biblioteca de Caldas de Reis xa que algúnhas
dos súas obras son lectura recomendada e polo tanto, moi prestadas. A pesar do éxito de Herba Moura ou Unha primavera para Aldara,
o libro escollido non alcanzou as expectitavas da maioría de nós.
Recoñecendo por un lado, a orixinalidade da estrutura e do punto de vista do
narrador, así como o de estar ben escrito, non foron estas cualidades
suficientes para acabar a novela cunha boa sensación.
Moita xente non a acabou e outra fíxoo case por obrigación.
E como sempre hai unha excepción, hai unha persoa do club que lle gustou
moito. Sin embrago, á maioría non nos deixou bo sabor de boca.
Temos as esperanzas postas agora no libro El cuento de la criada
de Margaret Atwood.
Vai resultar curioso ler unha obra na que se basea unha serie de tanto
éxito.
Xa vos contaremos como nos foi.
xoves, 31 de xaneiro de 2019
mércores, 30 de xaneiro de 2019
Día da Ilustración
Hoxe, 30 de xaneiro, celébrase o Día da Ilustración. Trátase dunha data destacada no Calendario do Libro e da Lectura que se fíxo coincidir co día do nacemento de Castelao e ademais de lembrar o papel dos profesionais da ilustración, cada ano homenaxéase un ilustrador galego. O protagonista este ano é Federico Ribas.
O Día da Ilustración é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI).
A biblioteca quixo poñer o seu gran de area decorando as fiestras do centro con obras de Castelao procedentes de Cousas da vida (Galaxia), viñetas que publicou na prensa diaria ó longo de moitos anos así como tamén outras ilustrascións procedentes de Galicia mártir e Átila en Galicia (A nosa Terra).


Facendo a pegada dos traballos de Castelao démonos conta do actuais que son e como nos fan reflexionar. Algúns exemplos:
![]() |
| Política |
![]() |
| Funcionarios |
![]() |
| Escola |
![]() |
| A lingua |
mércores, 16 de xaneiro de 2019
Novidades de xaneiro-febreiro
O ano veu cargado de novidades, e coma sempre temos para todos e todas, grandes e pequenos, obras de coñecemento e de ficción, cómic... etc.
Se queres ver o listado completo de títulos segue o seguinte enlace:
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)






















