mércores, 18 de decembro de 2019

Nadal na Biblioteca

Con esta árbore de estrelas feitas polos nenos e nenas a biblioteca municipal deséxavos unhas...

Felices festas!

sábado, 7 de decembro de 2019

Club de lectura


O xoves 28 de novembro, o club de lectura da biblioteca xuntouse para comentar a novela Historia de la violencia do escritor francés Édouard Louis, editada en castelán por Salamandra. 
Se a priori puideramos pensar que o argumento reflectía unha situación moi dura, unha violación, un roubo e un intento de asasinato, a dificultade estivo no modo de presentala. 
Con distintas voces, que en ocasións se superpoñen, as reflexións no medio das accións fixo que esta novela orixinal para algúns, fose incomprensible para outros ou simplemente que non lle gustase. De feito, provocaba rexeitamento; en ocasións, por confusións e noutras, por non resultar verosímil ao intentar o autor, reflexionar sobre o papel da vítima e do verdugo
Como somos moitos e moi diversos, non houbo unanimidade. E que ben que sexa así!


Dúas persoas dixeron que si lle gustou a súa lectura por considerala diferente e máis que a presentación duns feitos, eran as meditacións sobre cómo unha persoa podía chegar a cometer feitos atroces. 
Moitos estiveron de acordo en que presentaba diferentes tipos de violencia, non só o do violación e intento de estrangulamento. Había violencia e racismo con outros personaxes da novela, aínda que tal vez o título fose un pouco pretencioso e no lugar da historia de la violencia, tería que terse titulado a historia dunhas violencias. A emigración, a pobreza e o racismo tamén están moi presetnes na novela, querendo dicir, tal vez que a sociedade francesa non é tan liberal e avanzada como ás veces pensamos.


En calquera caso, non é unha lectura fácil nin apta para todo o mundo pero se queredes ler algo diferente cunha estrutura orixinal é a unha opción adecuada. 
A seguinte reunión será o 19 de decembro, xusto antes das festas navideñas e nesa ocasión comentaremos a novela de Jennifer Clement, Ladydi.

luns, 25 de novembro de 2019

O rueiro das liortas





O pasado sábado no Auditorio municipal  representouse a obra teatral O rueiro das liortas da compañía Elefante Elegante. É unha proposta escénica que promove a reflexión sobre a situación da muller na sociedade e que propicia a reflexión arredor dos comportamentos machistas e dos seus efectos a través do humor e da ironía.

A actividade encadrada na campaña “Nós contra a violencia”  da Secretaria Xeral de Política Lingüística e da Secretaria Xeral de Igualdade desenvólvese no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.


sábado, 23 de novembro de 2019

Ler en familia

Esta semana desenvolveuse a actividade impulsada desde o Concello Ler en familia.
A valoración é moi positiva grazas a  implicación dos centros educativos é a participación directa dun grupo de fantásticos pais, nais e avoas que se achegaron ata as clases dos seus fillos e netos a lerlles contos, poñendo así o seu gran de area no fomento da lectura dos máis novos.

A actividade completouse co reparto entre o alumnado do libro Os Bolechas: Xigantes e cabezudas en Cadals de Reis.

Grazas a todos e todas por participar!

No CPI Alfonso VII xuntámonos na biblioteca escolar.
Con botas e paraugas visitamos o CPR La Encarnación
As avoas foron as protagonistas no CPR San Fermín
No CEIP San Clemente de César ata houbo pitos e moedas de ouro!

sábado, 16 de novembro de 2019

Conversas en inglés

A primeira reunión da temporada 2019-2020 de Conversas en inglés retrasouse un pouco, pero hoxe, por fin, empezamos de novo e con forza. Hai dúas novas incorporacións o que fan un total de once participantes no grupo.


Non están todos os que son, pero son todos os que están!

luns, 4 de novembro de 2019

Club de lectura

A primeira reunión do club de lectura da temporada foi, como case sempre, unha posta en común das lecturas que fixemos durante o verán, recomendacións dos títulos que máis nos gustaron, etc.

Por suposto non faltou o coloquio sobre a novela obxecto da reunión, La hija del este de Clara Usón. Como é habitual houbo a quen lle gustou moito a obra fronte a quen lle costou incluso rematala.
A autora tomou como punto de partida un feito real, o suicidio de Ana
Mladić, filla de Radko Mladić coñecido polo alcume do carniceiro da guerra dos Balcáns.

A novela destaca tanto pola ficción da historia persoal de Ana e do seu pai como pola parte de historia, moi documentada, que nos vai aclarando a situación da zona que entrou en conflicto durante a década dos anos 90 en Europa.
Un libro moi interesante que nos fai reflexionar e coñecer un pouco máis sobre a historia máis reciente do noso vello continente.

A seguinte reunión do club  terá como lectura a debatir "Historia de la violencia" de Édouard Louis.